A casa-cortello de Sandiás, un edificio único e enigmático

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

ROI FERNANDEZ

Ninguén sabe quen é o responsable das antigas inscricións que se ven nas paredes da construción, na parroquia chantadina de Vilaúxe

31 mar 2016 . Actualizado a las 16:51 h.

No lugar de Sandiás da parroquia de Vilaúxe en Chantada consérvase unha construcción única e enigmática. Construída no 1878, ten aspecto de vivenda e dun só andar. É única polas súas inscricións, esculturas e ornamentos estruturais, e enigmática porque nin os máis vellos da aldea apenas saben nada sobre o significado desta rara arquitectura.

Na aldea de Brandián, tamén da mesma parroquia que Sandiás, vive Francisco Lovelle Rodríguez, o dono da casa. Pouco sabe sobre a súa historia. só apunta que propiedade dun bistío seu e que estivo habitada ata haberá uns trinta anos, co permiso dos donos, por unha muller hoxe finada, veciña do lugar e con poucos posibles. Estaba xorda e tiña un fillo ao que puido sacar adiante nesa casa que compartía espazos ben divididos con corte, cuarto e lareira. Segundo conta Fidelina López Rodríguez, veciña, esta si, de Sandiás, Un tal Cándido Rodríguez foi o home que a habitara anteriormente. Tiña nela un obradoiro de carpintería, ata que morreu atropelado por un tren nos Peares cando ía buscar o racionamento e gas para os candís.

«

El sol, la luna, la paz»

Situada ao pé da pista que une a vella estrada de Chantada a Castro coa de Chantada aos Peares, ten a fachada orientada ao sul e unha única porta flanqueada por dous grandes e atípicos ventanais e dinteis traballados. Unha cornixa continua amosa inscricións que aluden á data e ás iniciais do seu construtor. «Casa nueba? M.A.R.Z. Edaz 46 años La obra el año 1878».

Nos laterais presenta dúas bandas de brancos seixos, caras e unha cabeza humana no borde do tellado enriba da porta. E, destruída polas pedradas dos rapaces que xa non hai na aldea, unha curiosísima pedra furada a xeito de respiradeiro de despensa ou cheminea na esquina traseira dereita. Nos laterais hai tamén dúas inscricións máis, No lado dereito pódese ler: «El sol la luna la paz. E no esquerdo apréciase claramente a frase «Yo soy el viego de 1878 años». 

Os gravados poden ser de 1878 e nun deles lese «El sol, la luna, la paz»