A «Nada» e os parques naturais

PAULO VÁZQUEZ SUSTINEA

RUBIÁ

M. MARRAS

Sustiena dedica este mes ó fomento do coidado das zonas verdes máis especiais

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como na fabulosa novela de Michael Ende, A historia interminable na que a Nada asolaba o reino de Fantasía e ía engulindo o seu territorio e habitantes, a intervención do ser humano exemplificada en grandes obras de infraestucturas, incendios forestais, malas prácticas agrogandeiras, forestais, etcétera, está engulindo a nosa biodiversidade acotándoa a espazos cada vez máis pequenos. Na nosa novela, a que escribimos cada día cada un de nós como Fuyu, o rapaz que montado enriba do seu fabuloso dragón branco defendía o reino intentándose aliar con cantos compañeiros de batalla compartiran a súa loita. Neste caso, un dos nosos aliados para combater a perda de biodiversidade son as figuras dos espazos naturais protexidos e dentro destas, unha das máis coñecidas son os parques naturais. O vindeiro 24 de maio conmemórase o día europeo dos Parques Naturais. Estes son espazos naturais, pouco transformados polas actividades humanas, que, pola beleza dos seus sitios, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, fauna ou formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos ou científicos dos que a súa conservación merece unha atención preferente.

Na provincia de Ourense dispoñemos de tres parques naturais; Serra da Enciña da Lastra (concello de Rubiá), Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés (Baixa Limia) e Parque Natural do Invernadoiro (Macizo Central ourensán). Estas pequenas grandes illas de biodiversidade pechan algúns dos grandes tesouros ambientais ou etnográficos galegos. A Enciña da Lastra garda a súa singularidade como o espazo máis representativo da flora mediterránea en Galicia que garda no seu territorio calcáreo unhas das máis grandes coleccións de orquídeas que podemos ver en Galicia. Extensos aciñeiras e a maior variedade de aves rapaces presentes no noso territorio. O Parque Natural do Invernadoiro é un espazo puramente de serra con extensas matogueiras onde a gran diversidade de ungulados (cervos, corzos, rebezos,...) permite a conservación dunha cadea trófica saudable coroada polo noso lobo, como diría o grande Félix Rodríguez de la Fuente.

O Parque Natural da Serra do Xurés é o máis extenso e diverso de Galicia abarcando zonas de escasos 200 metros de altura con outras de máis de 1500. Isto permítelle presumir de diversidade de ecosistemas de montaña onde aniña a aguia real ou onde a cabra montesa loita por reintroducirse, e tamén ecosistemas máis mediterráneos, onde as sobreiras e oliveiras ensinan a súa produtividade e permítennos crer nunha potencial economía sostible.

Os parques naturais gardan aínda numerosos retos aos que enfrontarse se queremos que sexan espazos sostibles para a flora e fauna e para a economía baseada no respecto aos seus recursos naturais. O máis importante deles é (tal e como lle pasaba á Tartaruga Morla na Historia Interminable) non deixarse vencer contra a súa propia indiferenza; e motivar aos propios habitantes dos parques na conservación e na promoción dos seus recursos. Isto é posiblemente onde o esteamos a facer peor con deficientes políticas de dinamización xa que o concepto de Parque Natural para os propios habitantes é o dun lugar con restricións na súa actividade diaria pero pouca inversión económica. Os parque naturais precisan ser máis resolutivos en canto ás problemáticas dos veciños sen ter que derivar a toma de decisións fóra dos seus límites.

A pesar de todo isto, a visión dos parques debémola facer dende un punto de vista positivo e velos como unha oportunidade e non como ameazas. Oportunidades para defender o delicado estado dos nosos recursos naturais e oportunidade para impulsalos como característica integradora coa nosa actividade turística e produtiva. Exemplos son o mel e aceite que se produce no Xurés, ou as castañas da Enciña da Lastra. Na Historia Interminable, a forma de vencer á Nada era dándolle un nome á emperatriz infantil, monarca de Fantasía, a nosa é darlle nome aos tres parques naturais e o máis importante, poñerlle cara achegándonos a coñecelos.

Máis información www.sustinea.com