«Os pequenos concellos pouco podemos facer ante esta situación»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Cre que o problema ten carácter europeo e que as novas axudas á natalidade non o resolven

15 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo o último padrón do Instituto Nacional de Estatística, Ribadavia perdeu 44 habitantes no último ano ata quedarse en 5.068. O alcalde, Ignacio Gómez, do PSOE, asegura que hai altas aínda non contabilizadas, pero non oculta a súa preocupación pola posibilidade de baixar da barreira dos 5.000 veciños.

-Que medidas pensa tomar para tratar de impedilo?

-Levamos moitos anos traballando niso. Axudamos aos estranxeiros a facer ben o papeleo e temos, por exemplo, unhas bolsas de transporte para estudantes que estaban vivindo aquí, pero que por diversos motivos estaban censados noutros sitios e temos rexistradas varias altas nesa franxa de idade. Ademais nos pregos de contratación imos premiar o empadroamento e conseguimos que unha empresa de automoción que temos moi importante contratase a xente de aquí. Parecen tonterías, pero os pequenos concellos pouco podemos facer ante esta situación. Isto non é un problema nin tan sequera estatal; é incluso europeo. E non se trata só de que haxa traballo ou non, que tamén; os hábitos das persoas cambiaron. Antes había unha media de dous fillos por familia e hoxe, 0,9, e iso non o vai cambiar só o traballo.

-Di que os concellos pouco poden facer, pero outras localidades non lonxe da súa, como Leiro ou Amoeiro, si crecen. Por que?

-Son casos moi puntuais. Ao mellor para o ano tamén crezo eu cinco ou dez habitantes, As únicas subidas que hai importantes son en San Cibrao e en Barbadás. En Amoeiro ou en Leiro non subiu nada. Home, mellor esta tendencia que outra, pero hai que mirar o problema coma un todo. Eu non quero competir non ninguén. De que vale que eu lle roube cinco veciños a Arnoia se a nivel comarcal non paramos de caer. Estámonos roubando o pouco que queda entre uns e outros. Son fluxos entre un concello e outro, pero o problema é que baixa toda a provincia. Cando a capital baixa nunha provincia xa non hai para onde ir.

-Serven para algo as axudas á natalidade da Xunta e a Deputación?

-¿Alguén pensa que se vai ter un fillo por 300 euros? Se se criticou o de Zapatero, incluído eu, que era de 2.500 euros, imaxínate esas medidas... O camiño non é ese. O problema non son 300 euros máis ou menos; o problema é que te propoñas como obxectivo de vida telo ou non telo. Para iso fan falta servizos, traballo...

-Que pasaría se Ribadavia acaba baixando dos 5.000 habitantes?

-Sería un problema, pero non tanto como se di. Estes tramos fixéronse nun momento determinado, pero no camiño de como vai a poboación iso ao mellor vai haber que cambialo. Non é a mesma realidade hoxe que hai vinte anos.

ignacio gómez