Heroínas silenciosas

Noela Blanco OLLADAS DE OURENSE

RIBADAVIA

07 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

e seguro que se saíramos a rúa e preguntásemos un exemplo de patrimonio en Ourense a maioría mencionaría a Ponte Vella de Ourense; un porcentaxe menor o identificaría coa riqueza natural da nosa provincia, cos tres parques naturais, 2 reservas da biosfera, ou 3 monumentos naturais; e os menos considerarían que é patrimonio a imborrable pegada da vida dalgunhas persoas. Parte do noso patrimonio e orgullo debera ser unha xesta de dimensións extraordinarias ambientada no corazón da comarca do Ribeiro en pleno fragor da Segunda Guerra Mundial. Lola Touza, coñecida coma a Schindler Galega, colaborou cunha das redes clandestinas de fuga de xudeus máis importante de Europa que empezaba nos Pireneos, por Xirona, facía escala en Medina del Campo e chegaba ata Ribadavia, tramo decisivo dende o que Lola e as súas irmás arriscaban a vida para atendelos e facilitarlles o paso a Portugal. A desinteresada labor destas heroínas de carne e óso, as irmás Touza, que rexentaban a cantina da estación desta vila ourensá e empregaban como tapadeira a venda de rosquillas, caramelos e doces de amendoa, axudou a fuxir entre 1941 e 1945 a centos de xudeus. O número total de persoas auxiliadas polas irmás Touza non puido aínda ser clarificado, fálase de máis de 500, pero cun so sería suficiente para recoñecer o seu enorme labor. Unha placa gravada co enunciado «Loitadoras pola liberdade», mantén viva a xesta das irmás na fachada da que fose a súa casa, un libro conta a súa historia, e o filme Lobos sucios empregou para o seu guión a historia destas tres mulleres. Temos a obriga de conservar e transmitir na mellor das condicións ás xeracións futuras a súa xesta, para que se sintan orgullosos e orgullosas de nacer nesta terra, para que a loita destas tres mulleres sirva como exemplo dunha heroicidade completamente desinteresada, e sobre todo, para non que non se volva a repetir un dos capítulos máis cruentos da nosa historia. Elas son parte do noso patrimonio, da nosa identidade como pobo, non o esquezamos nunca.