Secundino Lorenzo: «Non hai alumnos malos»

RIBADAVIA

Os ríos, a través de varias webs de divulgación e denuncia, copan o tempo de Secundino.
Os ríos, a través de varias webs de divulgación e denuncia, copan o tempo de Secundino. miguel villar< / span>

Informático e ambientalista, segue preferindo a docencia das Matemáticas. Elixe o río Miño como un dos seus espazos predilectos

27 nov 2015 . Actualizado a las 14:09 h.

Semella apaixonado e metódico, así que non resulta difícil imaxinalo coma un espléndido profesor de Matemáticas, capaz de estruturar exposicións numéricas co ímpeto necesario para captar o interese adolescente.

Demostrouno durante 38 anos, primeiro no instituto de Ribadavia, onde chegou en 1968, e despois na illa da Palma e nas Lagoas. No centro ourensán permaneceu 27 anos, ata a xubilación, e alí foi pioneiro en dar clases de Informática, cando o sistema operativo, lembra, «era aínda o CPM e se traballaba con diskettes e, ás veces, con cinta».  Foron case catro décadas de docencia, pero tamén de empresa. Cun colega das Lagoas, Alfonso Amorín, montou a firma informática Edisa, que acaba de celebrar o seu 32 aniversario con máis de 200 empregados.

Malia o indubidable éxito empresarial, Chicho -o alcume vénlle de cando era porteiro de fútbol en Salesianos- asegura que a súa alma é docente. No repaso a todas as súas afeccións, ratifícao con seguridade: quédome coa docencia. Non só o di. Demostrouno abandonando Edisa antes que o instituto: «Eu quería xubilarme totalmente, tiña outras miras. Hai xente que se xubila e abúrrese e outros que non temos horas no día». A el o tempo chégalle, a duras penas, para viaxar, para pescar troitas -«aínda que os ríos agora están de pena»-, para organizar saídas á natureza cos antigos colegas e alumnos de Ribadavia; para seguir a afección micolóxica que o levou a cofundar a sociedade Os Cogordos; para dedicarse á fotografía, para ler, para ver fútbol e para manter activas ata cinco páxinas webs que delatan as súas filias e as súas grandes preocupacións: os ríos galegos, a aldea mergullada de Alberguería, os antigos alumnos de Ribadavia (Exaprin) e Salesianos, a pesca da troita e, con significativo título, Ourense natural, broma ou realidade. «É unha mágoa -di- que o día non teña máis horas».

Con 38 anos de docencia ás costas, Secundino láiase de que «o estado español non fose capaz de artellar unha lei de educación consensuada que, polo menos, durase 20 anos. Eu impartín clases con 4 plans distintos». Malia todo, séntese afortunado da súa experiencia persoal: «Tanto o ITEM de Ribadavia como o IES As Lagoas foron centros públicos de campanillas. Os profesores eramos unha piña, e así nos foi. Tiñamos claro, a nivel colectivo, que, unindo os nosos saberes e o noso traballo, podiamos facer un ensino de calidade, e fixémolo».

Coa mirada posta na situación actual, lamenta que os bos profesores que hoxe hai non teñan a consideración que había no seu tempo e estean sometidos a unhas condicións profesionais cada vez peores: «Tanto en sanidade como en educación os dereitos baixaron moito estes anos».

Cando el desembarcou no ensino, con 23 anos, tomou conciencia de que ensinar Matemáticas era, «basicamente, ensinar a pensar, a razoar debidamente, e que en cada clase era básica a motivación e o uso dun método activo onde o importante é conducir ao alumno a exercitar e a traballar entendendo e memorizando logo os pasos».

Secundino teno claro: «Non hai alumnos malos en Matemáticas. Hai alumnos que non teñen base e temen as Matemáticas». Preguntas, exemplos e contraexemplos, recursos de dedución e de indución e, sobre todo, moito ánimo, «non só cos bos alumnos, senón con todos», son as súas receitas para as Matemáticas. E para a vida e a disciplina nas aulas, unha das súas frases favoritas que todos os seus alumnos, a pé de 6.000, coñecen ben: «Debemos tratar aos demais como a nós nos gustaría que nos tratasen».