O Museo do Viño de Galicia podería abrir o próximo verán

La Voz OURENSE

RIBADAVIA

O conselleiro de Cultura, no centro, cos participantes do encontro na rectoral de Santo André.
O conselleiro de Cultura, no centro, cos participantes do encontro na rectoral de Santo André. santi m. amil< / span>

O conselleiro de Cultura e o secretario de Política Lingüística participaron na asambla da Irmandade Galega de Adegueiros

11 oct 2015 . Actualizado a las 17:37 h.

O Museo do Viño de Galicia podería estar aberto ao público no verán do 2016. Así o asegurou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na antiga rectoral de Santo André de Camporredondo, o edificio restaurado no seu día para acoller o museo. O conselleiro e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, visitaron as dependencias do inmoble e mantiveron unha xuntanza para avanzar na coordinación anunciada no seu día para rematar o proxecto, abrirlo ao público e xestionalo. A visita ás instalacións foi guiada polo director do proxecto museístico, Xosé Carlos Sierra.

Ao respecto, e logo do encontro, Baltar reiterou que a Deputación colaborará con Cultura para a posta en marcha do Museo do Viño de Galicia: «A Deputación está totalmente receptiva a establecer liñas de cooperación para que as instalacións se poidan explotar convenientemente, tanto no que atinxe a temas de infraestruturas, equipamentos, persoal ou no ámbito de promoción turística», segundo dixo Baltar Blanco. Para o conselleiro chegou o momento, logo da rehabilitación do edificio, de «darlle o uso correspondente para que repercuta na cidadanía e no mundo do viño», en palabras de Román Rodríguez. Tamén adiantou que «asinaremos ese convenio que posibilite a xestión compartida entre ámbalas dúas institucións e que determine as variables que supoñan o maior beneficio para a comarca e para o ámbito do viño».

Dende Cultura e dende a Deputación incidiuse no feito de que a provincia conta con presenza de catro denominacións de orixe, tres delas exclusivas e unha compartida con Lugo, e que O Ribeiro mantén unha tradición e singularidade da que dan conta espazos como o propio edificio do futuro museo: unha construción que data do século XVIII e que acolleu o priorato e a granxa vinícola máis importante que tivo en Galicia o mosteiro de San Martiño Pinario, de Compostela.

Idioma, viño e alimentación

Román Rodríguez e Valentín García, responsable de Política Lingüística, participaron na asamblea da Irgade (Irmandande Galega de Adegueiros) para manter unha xuntanza de traballo para potenciar o uso do galego no tecido empresarial. En Ribadavia xuntaronse representantes de máis de sesenta adegas e empresas de alimentación.