Ourense vive a escena con paixón

x. m. r. / m. cobas

RIBADAVIA

Santi M. Amil

Sete grupos figuran na Federación Galega de Teatro Afeccionado

04 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A provincia de Ourense sente unha particular paixón polo teatro. Ribadavia é referencia indiscutible da escena galega e na actualidade estanse a desenvolver dúas citas vencelladas co sector: o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e a Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón. A ourensá xa se ten consolidado, con só oito anos, como un dos certames de referencia e de prestixio no circuito galego das artes escénicas. E a proposta do Carballiño, que tamén está a celebrar os seus oito anos de vida, amosa a oferta máis actual do que se está a facer na escena afeccionada galega.

Un sector, o dos grupos de teatro afeccionado, que conta cunha importante presenza e actividade na provincia de Ourense. Na Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) están integradas sete formacións ourensás, aínda que hai grupos que non figuran como tales vencellados á Fegatea.

Os trinta anos de Tiruleque

Tiruleque é un dos paradigmas destas formacións na provincia de Ourense. O grupo do Carballiño, organizadores da mostra que se está a celebrar na vila, celebrou en marzo os seus trinta anos de actividade e é un dos máis activos no sector, con representacións por toda Galicia e presencia nos circuitos de teatro afeccionado da comunidade.

Cunha ampla traxectoria, aínda que con outros prantexamentos, conta Teatro do Vilar. Os de Ribadavia contan con case que un cuarto de século de existencia, aínda que a actuación previa da Mostra Internacional de Ribadavia -este ano coa montaxe O florido pensil- e unha representación benéfica no Nadal son as citas tradicionais do proxecto creado polo desaparecido Rubén García e que conta na actualidad con Elena Seijo como directora.

No caso da cidade o referente indiscutíbel é Trécola Teatro, cunha ampla actividade ao longo do ano e con presenza nos certames que se desenvolven no calendario cultural de Ourense. O venres estreaban a súa nova montaxe, ExquiFITO, no marco do FITO 2015. Delatoute Producións é unha compañía nova, en relación aos casos anteriores, aínda que o grupo dirixido por Roberto de la Torre xa ten desenvolvido varios proxectos. Marañao e Teatrino, tamén de Ourense, contan cunha menor actividade -no caso da segunda neste momento sen actividade-.

En O Barco nacía hai oito anos o grupo Gargallada, unha formación que neste tempo foi quen de facerse un oco na programación local de Valdeorras e nos cuircuitos de toda Galicia, co Teatro Lauro Olmo como centro de actividades.

Traballo na ONCE

Aínda que Trécola, Tiruleque, Teatro do Vilar, Delatoute, Gargallada, Marañao e Teatrino son os grupos vencellados a Fegatea, hai máis compañías afeccionadas na provincia e tamén formacións como Muxicas, que forman os actores invidentes da ONCE.