Ourense e a pegada franciscana

X. M. R

RIBADAVIA

MIGUEL VILLAR

 O Arquivo Histórico Provincial abriu ao público a mostra O legado de Asís

10 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nese terreo no que se mesturan as lendas, as tradicións, a fe e as crenzas vive a histórica peregrinación de Francisco de Asís a Compostela. Dos oitocentos anos daquela data fíxose alicerce para a posta en marcha de programas culturais, encontros, seminarios e canta proposta conmemorativa se considerou oportuno. Ata a nunca confirmada visita do papa Francisco á capital de Galicia para celebrar a data.

Coincidindo coa celebración do día internacional destas institucións, o Arquivo Histórico Provincial abriu ao público a mostra O legado de Asís. Franciscanos e clarisas en Ourense, unha exposición que se poderá visitar no edificio da rúa Hernán Cortés ata a vindeiro 9 de outubro. Segundo se recolle na información da proposta documental, San Francisco de Asís fundou o convento da súa orde en Compostela hai uns oito séculos, coincidindo «coa súa suposta peregrinación á cidade do apóstolo», segundo se recolle no tríptico da mostra.

De Ribadavia á Limia

No caso da provincia de Ourense, os franciscanos construían a súa primeira igrexa na cidade a mediados do século XIII e na mesma centuria chegaban as clarisas para asentarse en Allariz. Nos paneis que forman a mostra sinálase que está documentada no século XIV a aparición dos franciscanos en diferentes espazos da provincia -nas vilas de Monterrei e Ribadavia- e máis adiante, en 1529, procédese á fundación do convento do Bo Xesús da Limia, en Trandeiras (Xinzo). En tempos, os franciscanos foron a orde mendicante con maior número de frades na provincia de Ourense. Aspectos como a súa faceta asistencial quedaron vencellados a estabelecementos como o Hospital da Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia.

A desamortización de 1835 e o renacemento católico deixaron como referencias do antigo auxe franciscano as comunidades de Ourense e Ribadavia. A historia, o legado e os vestixios da orde e das clarisas aparecen recollidos na mostra que se pode ver no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Xornada de portas abertas

Como fai dende hai anos, a institución celebrou onte xornada de portas abertas para que os cidadáns que o desexasen participasen nunha visita guiada polas instalacións do edificio e coñecesen a mostra que onte se abriu ao público. Mañá, ás 18.30 horas, haberá outra oportunidade para participar na experiencia.