Ourense reivindica a Rosalía

La Voz OURENSE

RIBADAVIA

Os colectivos vencellados a Rosalauria escolleron o Liceo de Ourense para lembrar á escritora galega.
Os colectivos vencellados a Rosalauria escolleron o Liceo de Ourense para lembrar á escritora galega.

A cidade celebrou o día da escritora con actividades na súa memoria

25 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A literatura galega encetaba o día de onte cunha referencia a internet pasada a medianoite. A orixe das comunicacións na rede tiña por protagonista a Rosalía de Castro e a súa presenza no buscador de Google. Unha aportación senlleira a unha xornada, o Día de Rosalía, con citas por toda Galicia -dende o Parlamento á xuntanza da casa que acolle a súa fundación en Padrón- e onde Ourense reivindicou á máis universal das escritoras galegas.

Os autobuses públicos da cidade amosaban textos e imaxes vencellados á autora de Follas Novas e no Concello de Ourense compartían o acto institucional os alumnos do Colexio Divino Mestre. Na súa intervención no salón de plenos da cidade o alcalde, Agustín Fernández, recordou que ao conmemorar o 178 aniversario do nacemento da escritora «lembramos non só a unha personalidade altísima das nosas letras, senón á muller que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas e, con el, as aspiracións a un papel histórico para a súa lingua e o seu país, Galicia». O seu compromiso feminista, a súa rebeldía e a súa reivindicación da xustiza social foron aspectos aos que fixo referencia o alcalde da cidade, ao tempo que sinalaba que Rosalía de Castro debe estar viva «os trescentos sesenta e cinco días do ano».

Pola tarde era o Liceo de Ourense o que acollía as actividades promovidas, por segundo ano consecutivo, polo colectivo Rosalauria. Lectura de poemas da autora de Cantares gallegos, actuacións musicais e graffiti ao vivo foron algunhas das propostas.

Das citas vencelladas ao Ribeiro á lectura de poemas na biblioteca da Rúa

Por toda a provincia se sucederon as citas vencelladas coa escritora no Día de Rosalía. Mesmo nalgúns casos, como os centros escolares, xa tiveron presenza antes da propia data de celebración e terán continuidade ao longo da semana.

No caso do Concello da Rúa, entidade que colabora dende hai catro anos coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, houbo lectura de poemas na biblioteca pública, con agasallo do libro conmemorativo e unha flor. Na cita participaron alumnos dos centros Pablo Sexto, IES Cosme López Rodríguez, Colexio Manuel Respino, Taller de Memoria e público en xeral.

Dende Turismo de Ribadavia lembraron a presenza do viño da comarca nun texto de En las orillas del Sar: «Anque me des viño do Ribeiro de Avia / tódolos almibres e tódalas viandas / das que os reises comen e no mundo haxa, / miña madre querida, non sei qué me falta».

No caso do Carballiño, a cita coa figura e a obra de Rosalía de Castro será o venres, a partir das 17.30 horas, na ludoteca da biblioteca pública municipal. Haberá lectura de poemas escritos pola autora para nenos, música e realizarase un debuxo sobre os textos da escritora.

Tosar e Blanco Amor en Padrón

No acto central da celebración, o encontro na casa da Matanza, participou o poeta Luís González Tosar. O presidente do Pen Galicia leu un poema seu adicado á escritora e diu a coñecer un retrato da autora que lle regalara Eduardo Blanco Amor.