«Non creo que o PP vaia estar cómodo comigo de voceiro»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

PIÑOR

Santi M. Amil

O novo líder socialista na Deputación pide a dimisión de Baltar e di que, se fai falta, a pedirá «día a día»

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de facerse cargo do grupo provincial do PSOE tralo traumático relevo de Ignacio Gómez como voceiro. Francisco Fraga (Ourense, 1972) di estar preparado.

-¿Fíxose ben o cambio?

-Eu díxeno xa. Cúmprese coa normativa existente, tanto a lei de réxime local, como os estatutos do partido. A partir de aí, cada un pode ter as súas opinións e os seus pareceres. Eu, evidentemente, opino que se fixo correctamente.

-Vostede pon como exemplo o relevo na portavocía do Senado, pero ese decidiuno un órgano do partido (a xestora federal). ¿Non faltou iso neste caso?

-O partido ten os seus órganos para decidir. Hai comisións executivas, hai comités federais e hai órganos unipersoais que tamén teñen as súas facultades para decidir. En todo caso, é unha cuestión orgánica, interna... Puxen o exemplo do Senado porque houbo un cambio de voceiro, pero houbo tamén cambios no Parlamento de Galicia hai uns meses, ten habido cambios nas portavocías municipais e estou seguro de que este tampouco será o último. É un proceso normal dentro dos partidos; os cargos son transitorios, non vitalicios e, polo tanto, temos que estar acostumados a entrar neles pero tamén a saír.

-¿De quen partiu a idea de cambiar o voceiro, dos cinco deputados que votaron a favor ou do secretario provincial?

-Como esta cuestión é interna me gustaría entrar o menos posible nela, pero neste caso, respondendo á súa pregunta, hai unha petición dos deputados. É unha decisión interna do grupo que foi trasladada á dirección provincial do partido.

-A vostede se lle sitúa no «pachismo». ¿Séntese cómodo con esa etiqueta?

-Eu teño as miñas amizades persoais, que acostumo a mantelas ao longo dos anos. A partir de aí, eu o que son é socialista e, se me pregunta un pouco máis, socialdemócrata. E iso é ao que me debo. As cuestións persoais e as amizades están a un lado e as decisións e accións políticas están a outro. De todas maneiras, nin Pachi Vázquez se senta na executiva do partido nin se senta no grupo de deputados, que ao fin e ao cabo somos os que tomamos a decisión.

-¿Falou con el de todo isto?

-Eu con Pachi falo moitas veces. Xa digo que teño unha relación de amizade persoal con el e falamos de moitas cousas, pero el terá que manifestar as súas propias opinións, non eu.

-O caso é que Ignacio Gómez estivo no bando contrario ao seu o dos seus compañeiros nos últimos procesos orgánicos, como por exemplo sobre o no ou a abstención na investidura de Rajoy. ¿Non tivo que ver nada na decisión de cesalo?

-Non, non, non, non. O cambio obedece a cuestións internas do grupo e para nada teñen que ver cuestións orgánicas. Nada que ver.

-Entón, ¿que facía mal Gómez?

-Non se trata tanto do que se facía mal ou do que se facía ben. Nós queremos abrir unha nova etapa política cunha dedicación á cidadanía a través dos nosos concelleiros, que moitas veces están en concellos onde costa moito levar adiante unha acción política diferente ás políticas do PP e esa é a nosa preocupación. Como tamén o é a de loitar contra as políticas e as redes clientelares do PP na Deputación, que teñen moito que ver co atraso desta provincia.

-Di moitas veces que agora haberá máis contacto cos grupos municipais do PSOE. ¿Non había o suficiente?

-Non é tanto que non o houbese. Non me gusta falar do pasado. Eu o que quero poñer enriba da mesa é o que queremos nós facer a partir de agora. Eu, na miña comarca, como deputado teño moito contacto cos compañeiros e compañeiras que están nos concellos. A min trasládanme as súas necesidades e se nós desde a Deputación non as atendemos, vai ser moi difícil intentar cambiar esta provincia.

-¿Cre que Gómez facía unha oposición demasiado maleducada ou dura?

-Son cuestión internas do grupo e entenderá que nesas cuestións non entre por educación e por respecto e porque, dada a situación actual, non o considero prioritario para a cidadanía, que está pasando por moitas circunstancias adversas. Se os políticos nos dedicamos continuamente a cousas internas parece que nos cremos o embigo do mundo. E non o somos.

-Non lle falo de cuestión internas senón do papel do PSOE na Deputación. No último pleno o PP xa destacou o seu bo ton. ¿Pode estar tranquilo Baltar con vostede?

-Non o creo. No 99, sendo eu moi novo, presenteime á alcaldía en Piñor, que era un concello no que gobernou toda a vida o PP. Tiñamos un concelleiro, pasamos a dous e nas seguintes xa fomos a lista más votada ata hoxe mesmo que o seguimos sendo. Con todo isto o que quero dicir é que non creo que o PP estea cómodo comigo de voceiro. Eu combatín as políticas populares en Piñor e vouno seguir facendo aquí. Agora ben, vouno facer dentro dun respecto á institución e ás persoas. Ataque as políticas e respecto ás persoas.

-En relación á investigación por acoso sexual contra o expresidente dixo vostede que son «cuestións de índole persoal». ¿O cre así?

-Dixen tamén que a súa conduta non me parece exemplar para estar ao fronte dunha institución e sígoo mantendo. Hai unha postura do partido fixada e pedimos a súa dimisión porque entendemos que é unha cuestión persoal, pero afecta á presidencia dunha institución pública. Eu non teño inconveniente ningún en día a día pedir a dimisión do presidente pero o certo é que é unha decisión del e do seu partido. ¿Como podemos entón apartar ao presidente do cargo? Traballando para conseguir máis votos da cidadanía.

-Vostede tamén está investigado. Se llo critica a Baltar, el sempre pode dicir o de «e ti tamén». ¿É iso un hándicap para facerlle oposición?

-Non, a investigación que está sobre min non me incapacita nin me imposibilita para facer política. Teño que dicir ademais que a investigación terá o curso que teña, eu estou colaborando coa Xustiza, pero moita xente non sabe quen está detrás desa denuncia: o PP de Piñor, a través dunha plataforma. O propio alcalde e os seus concelleiros son os integrantes...

-Pero José Luis Baltar acabou inhabilitado por unha denuncia do PSOE, unha denuncia política tamén...

-Si, pero o PSOE foi co seu nome e aquí se envolveu o tema nunha plataforma. Iso terá o curso que teña. Eu, total tranquilidade porque iso non nos incapacita a min nin os meus compañeiros.

-O seu nomeamento está sendo moi contestado internamente e a executiva local foi moi dura ao respecto. ¿Será difícil convencer aos seus compañeiros?

-­Eu o único que podo facer é o meu traballo. Tanto eu como os meus compañeiros temos o máximo respecto polos alcaldes que están traballando moito e ben polos seus concellos. Nós queremos traballar con todos eles, cos alcaldes e cos compañeiros que están na oposición. En canto ao comunicado da agrupación de Ourense, só dicir que terán todo o meu apoio para recuperar todos os votos que perderon. Eu voume ocupar do meu e espero que os demais se ocupen do seu.