«O meu obxectivo é manter viva e memoria de meu pai»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Alvaro Vaquero

O fillo do escultor non descarta a venda dos fondos a unha institución ou a un coleccionista

25 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Miguel Ángel Faílde (Ourense, 1939) e o Concello de Ourense chegaron a un acordo para a cesión temporal por parte do primeiro de dúas esculturas creada polo seu pai, Antonio Faílde. As pezas quedaron instaladas na entrada do edificio da Praza Maior da cidade, na entrada, e no acto anunciouse un futuro acordo para instalar obras de Antonio Faílde no xardín botánico de Montealegre.

-Como se xestou o acordo de cesión?

-O alcalde suxeriume esa posibilidade, a través de Eva Torres -a técnica de espazos expositivos do Concello de Ourense- e a min pareceume boa idea e daquela accedín.

-Dixo na descuberta das pezas que estarían no edificio institucional mentres Jesús Vázquez fose alcalde. Que pasaría se non sigue no cargo?

-Están onde están porque para min o alcalde é unha persoa que me merece respecto e confianza. Se o día de mañá cambia o alcalde, ou se vai, o primeiro que teñen que facer é devolverme as pezas ou falar comigo ver se estou de acordo en que sigan aí.

-Tamén se falou dun acordo para incorporar outras obras do seu pai ao xardín botánico de Montealegre.

-Si, é unha proposta na que estamos traballando e consistiría en instalar tres esculturas de meu pai neste espazo para que a xente que vaia a Montealegre poda disfrutar do seu traballo escultórico. A ubicación das mesmas é algo que estou consensuando nestes días con Eva Torres, que é a persoa coa que me aconsello e a quen lle teño lei polos seus coñecementos e a súa preparación. De feito se houbo pezas de Faílde en Galicia pétrea -a mostra que se organizou na Cidade da Cultura de Galicia- foi porque ela me dixo que as cedese.

-As pezas que se amosan neste tipo de iniciativas forman parte dos seus fondos?

-Así é. Todo o que se leva visto nestes anos en exposicións, é dicir en todas as mostras nas que aparecen pezas de Antonio Faílde, pertencen aos meus fondos.

-As obras formaban parte da súa colección?

-Case todo o material que deixou foron obras pendentes de rematar. Nalgunha ocasión, como unha cara que se vai poder ver en Montealegre, o que pasaba é que se sentía especialmente satisfeito por algo -como neste caso o sorriso- e non continuaba co proxecto porque o gardaba para el.

-Non baralla a posibilidade de vender o conxunto?

-O meu obxectivo é manter viva a memoria do traballo e o legado que está vencellado ao meu pai. Vender non é algo que descarte, sexa a unha institución ou a un coleccionista acreditado. De chegar a facelo o 50 % destinariao a fines sociais para poder axudar á xente que o necesite.