«Facer equipo é clave nun traballo»

pepe seoane OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

José Fernández

Pereira deixa a actividade profesional despois de 44 anos na administración pública

05 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Igual non teñen moito futuro os faisáns na casa de Santiago Pereira González (San Cibrao das Viñas, 1948). Hai máis de vinte anos que lle regalaran a primera parella de exemplares e dende entón a cría destes coloridos animais, en vez de pitas ou coellos, é unha das poucas excentricidades que se lle coñecen. Esta semana estreou a condición de xubilado, despois de 44 anos traballando para a administración, os últimos 41 como secretario en Ourense de Muface, a mutualidade de funcionarios da administración civil do Estado que tan ben coñecen os que están nela, e que é unha case descoñecida para moitos. É o de menos.

O caso é que o veterano da oficina decidiu que xa estaba canso de vir todolos días dende Seixalbo ata a rúa Bedoya e que xa ía sendo de ser «ser dono do meu tempo», como agora é. A perspectiva de viaxar, e poder facelo en calquera época do ano, cando lle pete, subiu de golpe entre as súas prioridades vitais. E aí, vaia, igual os faisáns son un engorro. Xa se sabe que este tipo de compromisos -¿e quen lle da de comer ao can? ¿e as pitas, que fago con elas?- son unha boa excusa para quedar na casa, pero no caso de Santiago mal van os faisáns. Pobres animaliños.

Aquel rapaz que aos seus 12 anos chegou a vestir sotana, esclavina, faxín e bonete, naquela etapa que pasou no seminario e da que conserva amizades das de verse con frecuencia e non só un xantar cada vinte anos, empezou a traballar na administración pública no ano 1973. Xa se decatara a tempo de que o sacerdocio non era para él, polo que estudou maxisterio na Normal. Daquel primeiro destino en Hacienda, en Madrid, aquel rapaz de San Cibrao que aprendera as letras con don Manolo Carballo, como con agarimo aínda agora lembra o seu primeiro mestre, pasou a Educación en Oviedo. Alá estivo ata que no ano 1976 veu a Ourense. E en Muface ven de xubilarse.

Catro delegados

Pasaron os delegados -de José Abelairas, a José Carlos Martínez Pedrayo e Berta Collarte, ata chegar á actual, Margarita Cortegoso- e el permaneceu como secretario. Gustaríalle, segundo di, marchar igual que entrou, en silencio e de forma discreta. Non quere saber nada de homenaxes e despedidas, pero hai cousas como as sinxelas mostras de afecto que non as pode evitar.

Vaise satisfeito do seu traballo, dunha actividade profesional que desenvolveu «sempre co obxectivo de atender aos mutualistas», hoxe arredor de doce mil, entre funcionarios dos servizos da administración central, o persoal das forzas e corpos de seguridades, ou os docentes (aínda que sexa a Xunta de Galicia a que pague as nóminas), entre os colectivos más visibles dos que se integran na mutualidade.

Moito cambiaron os tempos dende o ano 1976. Case todo para ben. A valoración xeral non lle impide laiarse pola distancia que en ocasións ten percibido nestes últimos anos, nos que as comunicacións electrónicas frearon o trato máis directo cos responsables de departamentos centrais, que permitía arranxar sobre a marcha calquera incidencia ou dúbida. «O mutualista que chega ás oficinas de Muface merece unha resposta áxil, igual que calquera cidadán cando chega a unha mesa, a unha ventanilla, nun organismo público», sostén Santiago Pereira. Con ese criterio, un dos retos que sempre se marcou era chegar a que todos os traballadores da oficina estiveran ao día en calquera novidade que afectara ao servizo, e puideran dar respostas a calquera persoa que entrara pola porta. Que todos souberan de todo. «Facer equipo é a clave nun traballo, a chave para que un servizo público funcione de forma axeitada», resume agora Pereira, xa liberado desa responsabilidade.

Vestiu sotana no Seminario con 12 anos, pero logo viu que o sacerdocio non era o seu

O seu primeiro destino foi Madrid, pasou a Oviedo e desde o ano 1976 estivo en Ourense