25 anos de AVE

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

19 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres de Semana Santa. Vacacións para moitos e traballo para outros, como é costume. E folganza obrigada para os millóns que seguen a sufrir desemprego e recortes dende hai anos por mor dunha crise que fai máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres. Nas follas de números disque coincide a festividade relixiosa coa proclamación da II República e abouxa o silenzo mediático sobre a celebración. Non existe. Curiosidades dos novos tempos da era dixital: os promotores das convocatorias reivindicativas dunha etapa caracterizada, entre outras moitas cousas, polo seu laicismo aprazan as citas anuais para poder irse de feirados na semana de máximo fervor e levitación relixiosa.

As novas que non faltan en todos os espazos de actualidade si que teñen pouso histórico e data concreta. Grazas ás hemerotecas e as imaxes de arquivo volvemos ao 14 de abril de 1992, ano de fastos e día de inauguración do AVE. Nunha xornada calificada de inesquecíbel os protagonistas son os primeiros viaxeiros desa liña de alta velocidade que cubría o trazado inaugural entre Madrid e Sevilla -sede dunha Expo que ía ser referencia mundial e quedou nun parque temático con traxe de flamenca-.

E aquí seguimos. Un cuarto de século despois do comezo da era do AVE, en Galicia e en Ourense só temos unha certeza: a de que nunca chegou o tren de alta velocidade e que se van adiando os investimentos e os prazos. Cos cartos que se foron anunciando as vías xa deberían estar chegando a mitade de camiño cara a Irlanda. E nós aquí quedamos, ano a ano sin executar os prometido... teimando nun tren que non chega.