De Francelos á industria aeroespacial

pepe seoane OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

cedida

O percusionista de La Lira toca agora na investigación e na tecnoloxía máis esixente

03 abr 2017 . Actualizado a las 17:38 h.

A Diego Veloso Martínez (Francelos, 1991) fáltalle a percusión. Pero tampouco era plan, tal e como andan as liñas aéreas, levar un bombo, uns pratos ou un gong, para o Reino Unido, que é onde traballa. Pódese estudar exeñería industrial, especializarse en simulación computacional e acabar traballando para a industria aeronáutica, e espremer o tempo para tocar en La Lira, banda de música xa mítica do país. Empezara coa guitarra no conservatorio, pero coas seis cordas pouco pintaba na big band da casa, polo que se aventurou coa percusión. Hoxe tena algo abandonada. O natural. Alá por onde anda está moito máis extendida a cultura dos pequenos grupos, frautas e os violíns, pop rock e concertos en directo en garitos varios. «A verdade é que non teño moito tempo libre, pero quen sabe». Xa se ve cómodo nos pubs -«máis parecidos aos nosos bares que ao que por por Ourense chamamos así»- coa comida caseira e coa cervexa local, pero aínda non tivo ocasión de enganchar de novo coa música.

Non lle quita o sono a situación política ou as consecuencias que o brexit poida acarrear. Sabe que unha formación como a súa é valorada e que é garantía de estabilidade laboral. «Sinceramente, preocúpame máis que dende países como España nos quedemos coa idea de que sería un desastre que se pecharan as fronteiras do Reino Unido, cando o que máis nos debería inquietar é ver cando seremos capaces de quedar no noso pais e gozar dunha calidade de traballo como a que pode haber aquí». Rematar unha carreira e aspirar a becario durante un par de anos parece o normal, «coa excusa de que hai que aprender». No Reino Unido, na súa impresión, «é moi común conseguir un traballo cun salario máis que suficiente xa no momento no que empezas. Aquí entenden, penso eu, que o importante non é tanto o que produzas nos primeiros meses, senón o que serás capaz de aportar nun futuro á empresa».

Coma moitos, pasou con paciencia polo caos dos primeiros días, no que «resulta sempre chocante que para traballar teñas que ter unha conta bancaria, que só podes abrir cunha proba de enderezo, que, á súa vez, tamén é bastante complicado de conseguir os primeiros días». O idioma tampouco foi un obstáculo. Adaptouse, aínda que a distancia cos amigos e coa familia sempre pesa. A comida non é atranco. «Deféndome na cociña, polo que non teño problemas, máis alá de botar de menos as racións de pulpo e o cocido, pero é o que hai».

Traballa nunha empresa na que se aposta pola tecnoloxía, e desenvolve a súa activade na automatización para empresas aeroespaciais, en dispositivos ou robots que nun futuro formarán parte dos procesos de fabricación en firmas como Airbus, Rolls Royce ou GKN. Aí traballa Diego, que ten a sensación de que «aquí perciben a motivación coa que chegamos os que vimos de fóra, que valoramos as oportunidades, mentres que o inglés xa ve normal o de ter un traballo decentemente pagado e con boas condicións laborais».

É cuestión de autoestima, ás veces. «Creo que deberiamos darnos conta de que na universidade, por exemplo, non temos nada que envexar. Cando cheguei aquí pensei que por vir dunha universidade modesta, como é a de Vigo se a vemos nun contexto mundial, igual ía estar atrás en coñecementos se traballaba con xente que estudara nas que consideramos a mellores do mundo. Se son mellores é porque teñen máis medios. A nosa educación ensínanos a buscarnos a vida con poucos recursos, mentres que aquí, se non teñen eses recursos, ás veces nin o intentan».

 

Coventry

Diego Veloso vive en Conventry, que é onde ten a súa sede a empresa MTC (Manufacturing Technology Centre) para a que traballa. É unha cidade dormitorio pouco coñecida e moi alonxada dos referentes turísticos. «Aínda que non sexa unha poboación cunha grande oferta cultural ou lúdica, Birmingham ou Londres están bastante preto. E contando cun bon servicio de ferrocarril, que problema hai? Ningún.

Dende o Ribeiro.

Dende o Ribeiro. A súa familia é de Francelos. E alí mesmo, nesta parroquia, foi onde aprendeu as letras e os números. Do instituto de Ribadavia pasou á Universidade de Vigo para estudar Enxeñería Industrial. Adentrouse logo na «simulación computacional», e de aí á industria aeronáutica foi un pasiño. Sen esquencer a música. En setembro do año 2014 foi á Universidad de Belfast, en Irlanda do Norte, cunha beca Erasmus. Cando estaba rematando, o seu xefe na empresa que esta facendo as prácticas recomendouno para unha entrevista de traballo na MTC. Foi ver a páxina web da empresa e saber que lle ía encantar o traballo nese sitio. Déronlle o posto ao que aspiraba, aínda que non tiña formalmente rematada a carreira polo que se viu na necesidade de deixar o Reino Unido durante o verán do ano 2015, para completar o currículo na universidade de Vigo. Foi un visto e non visto, pois no mes de setembro daquel mesmo 2015 volveu para mudarse a Coventry, onde permanece.