A Miteu ofrecerá trinta espectáculos e terá presenza de países en conflicto

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Miguel Villar

Xunto ás montaxes teatrais haberá propostas como as musicais do ICC Week

29 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) desenvolverá a súa nova edición entre os días 20 de abril e 6 de maio. Unha cita que ofrecerá un programa no que se incluirán trinta espectáculos e na que, como é costume no certame teatral ourensán, terán presenza montaxes procedentes de países en conflicto. Un deles, segundo anunciou onte o director Fernando Dacosta, correrá a cargo dun grupo de Iraq. «Logo de moitos anos intentándoo por fin conseguimos traer a unha compañía iraquí. En Ourense poderase ver a montaxe Nenos da guerra e ao remate da función haberá un charla sobre a sociedade e a cultura iraquí», sinalou Dacosta na presentación da MIT 2017.

No acto desenvolvido no Teatro Principal de Ourense participaron representantes das institucións que colaboran ou patrocinan o festival escénico: o alcalde e a concelleira de Cultura (Concello de Ourense), o vicepresidente e a directora do Principal (Deputación), o vicerrector do Campus de Ourense e a xefa territorial da Consellería de Cultura.

Luz Fernández Quintas e Jesús Vázquez Abad incidiron no compromiso e apoio á Miteu e no caso do alcalde salientouse a implicación do Concello á hora de programar espectáculos como Ticket -de Clownic (Tricicle)- para incluilo nas propostas do festival universitario. O alcalde tamén salientou que o Auditorio acollerá iniciativas como a montaxe de Pablo Carbonell ou a actuación de Albert Plá.

Virxilio Rodríguez lembrou que a Miteu sirve para fomentar a relación entre grupos de todo o Estado e de diferentes países e, ao mesmo tempo, para reforzar o traballo que se está a facer «nos tres semilleiros que son as aulas de teatro do Campus de Ourense».

O vicepresente da Deputación, Rosendo Fernández, incidiu na colaboración das institucións para facer realidade un proxecto que chega á súa edición vixésimo segunda e salientou o feito de que este ano se contará no programa con actividades do ICC Week do organismo provincial.