HaiMulleres

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE CIUDAD

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os arquitectos decidiron citarse en Ourense para entregar os seus premios profesionais. Unha boa oportunidade, a convocatoria do acto do Principal, para xuntarse, intercambiar inquedanzas e compartir ilusións, lembranzas e proxectos. Para rir con David Amor e para desfrutar da experiencia e da bagaxe de profesionais como os que representaron na entrega dos premios do COAG os tempos de reivindicación da profesión, da figura dos arquitectos e da necesidade de ordear o país: Gallego Jorreto, Suances, César Portela...

E tamén para apoiar as novas demandas e dereitos, que sempre hai e que agora teñen outra novas formas e presenzas. Ao escenario do Principal subiron Elvira Carregado, Beatriz Calviño, Rocío Lamas, Paula Feijoo, Emma Noriega, Raquel González, Elsa Borbujo, María Mariño, Sandra González e Sonia Puente Landázuri para poñer en evidencia que as mulleres representan o 50 % das persoas que cursan a carreira, aínda que non teñen a mesma representatividade nos postos directivos, nas organizacións colexiais e en todos os sectores vencellados ao exercicio da profesión. Ao cabo convidaron ás mulleres arquitectas que estaban na sala a subir ao escenario do teatro para sumarse á iniciativa que demanda unha maior visualización e que aposta por loitar contra a desigualdade de xénero no exercicio profesional da arquitectura e o urbanismo. O colectivo HaiMulleres conseguiu que a entrega dos premios do COAG servise para unha reivindicación que debería ser pasado. Unha mágoa que teñamos que sumar anos para que sexa realidade. Agardemos que axiña o movemento non teña razón de ser.