«No instituto amenizaba todo canto había»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

A voz de Sonoro Maxín forxouse como músico e animador nas Lagoas, onde xurdiron Os Chanquiñas

13 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Elvira Rodríguez Martínez (Celanova, 1952) viviu en primeira persoa aqueles tempos das Lagoas como instituto con «mala fama». Ata ben entrados os 80 -chegou como profesora en novembro do 77, cando remataron as obras- o terceiro instituto de Ourense non se sacudiu a etiqueta de centro residual, onde se matriculaban os alumnos rebotados e onde os profesores sempre estaban en folga. Era o momento das protestas dos non numerarios, os famosos PNN.

Nin era certo o que se dicía dos estudantes nin tampouco o que se falaba dos mestres, asegura Elvira, que pasou alí 35 anos, ata a xubilación. «Nunca en mellor hora me mandaron para aquí», asegura, sentada de novo no salón de actos no que dedicou tantísimos e gratificantes días á montaxe de obras de teatro en horas extraescolares que ninguén compensaba nin con cartos nin con tempo libre.

Ninguén, salvo as ducias de rapaces que recibiron dela a paixón pola literatura e pola interpretación. No mítico grupo Leria, que naceu naquel escenario onde sempre facía frío e onde a megafonía fallaba sempre no momento culmen, coincidiu con Elvira o que despois sería a voz de Lamatumbá e de Sonoro Maxín. Ico -Francisco Rafael Ramos- descubriu naquel mesmo salón de actos un mundo que ía moito máis alá dos libros. E Elvira tivo moito que ver. «Ela nunca foi a miña profesora, pero si foi a miña mestra», sentencia.

En realidade, a relación de Elvira e Ico comezou cun encontrón máis que cun encontro. Ela era vicedirectora e «eu, ao principio, non era un alumno moi tal» -ri Ico-, así que a primeira vez que nos atopamos foi na xefatura de estudos para botarme unha rifa, a min e a uns compañeiros. Elvira tivo a idea de dicirnos: Se queredes facer cousas distintas, os mércores temos teatro. Picamos dous e tivemos a sorte de quedar nas mans de Elvira, que lle daba forma ás nosas ideas».

E ideas non lle faltaban a Ico e o seu mundo. «Coa maioría daqueles compañeiros das Lagoas somos pandilla desde hai 26 anos. Lamatumbá saíu de aí, aínda que no instituto eramos Os Chanquiñas, e amenizabamos todo canto había».

Os nomes e as actividades empezan a apiñarse no relato que van entretecendo Ico e Elvira no seu regreso ás Lagoas: Tonillo, Martiño, Oso, Manolo, Chori… e unha chea! «Chegamos a ser 15 para traballar nas actividades que nos propuñamos».

«A dos 90 nas Lagoas foi unha década prodixiosa a nivel de actividades -asegura Elvira- porque había moitos profesores moi implicados, pero é certo que moitas das cousas que se fixeron foi grazas aos Chanquiñas: o magosto, o nadal, o entroido, o san Xoán coa súa verbena… Eles sempre ían coa música a todas partes e iso facía que as festas medraran moito; algunhas xa existían, pero eles dábanlles outro nivel».

Mellorando o centro

Ademais, asegura Elvira, «propuxeron moitísimas cousas que melloraron o centro, que quitaban seriedade». Por exemplo, substituír o timbre dos recreos por música ou montar un punto de información xuvenil.

Entre unhas e outras, Ico aínda tiña tempo de estudar. Pero non moito. «A materia coa que desfrutaba era a Música, e coa Historia tamén. Elixín o camiño das Letras, pero onde realmente era feliz era naqueles momentos de teatro ou de preparación de actividades. Recoñezo que non era un bo alumno e que estudaba pouco porque estaba coa cabeza noutro lado. Con Elvira tiven a sorte de coincidir fóra das aulas, onde eu era máis feliz».

«A formación académica non é só da aula -asegura a mestra-, ás dúas se compaxinan. Aprendemos fóra da aula tanto nós deles como eles de nós». «Eu creo que Ico estudaba o xusto, pero creo que despois escolleu facer o que lle gusta -é mestre de Música no colexio de Luíntra-, é un caso claro, por iso sacou a oposición enseguida. Para min é o exemplo de exalumno entrañable».

De Edipo ao licor de negro café

Non foi especialmente difícil seguirlle a pista a un exalumno como Ico, asegura Elvira: «Sorprendeume, de repente, ver Os Chanquiñas fóra. Non me estrañou porque sabía as calidades que tiñan, pero, ao mesmo tempo, un sabe que é difícil dar o salto e conseguilo». Creo que a maioría dos profesores aprendemos de memoria a canción do licor de negro café!».

De memoria e a tempo, lembra Elvira, traía sempre preparados Ico os seus papeis teatrais. Foron moitas obras e moitas montaxes, pero a profesora quédase cunha interpretación de Ico: a do protagonista de Edipo abandonado, de José Luis López Cid.

«Os do instituto foron os mellores anos da miña vida -di Ico-, polas amizades que saíron de aquí e porque aprendín de todo, con Elvira e con Uxía Casal, que era profesora de galego e tamén estaba en teatro. Alí aprendemos a montar unha verbena, un maratón de futbito, unha xornada con 15 horas de actividades… Elas estaban detrás, pero deixábannos facer. É cousa vosa, dicíannos».