Ourense participa nun concurso de «youtubers» para promocionar o uso do galego

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

A iniciativa dos servizos de normalizacion lingüística chega a varios municipios da comunidade autónoma

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ourense acolleu onte a presentación na cidade do concurso «Youtubeir@s», unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades de A Coruña, Santiago e Vigo. A iniciativa ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar que tódalas persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos.

Ao concurso poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscripción en liña ata o 28 de abril. Os vídeos deben ter unha duración máxima de cinco minutos, estar licenciados en «creative commons», producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Os participantes poderán concorrer a dúas categorías: «Videofacermos», para videotitoriais que amosen como facer cousas e «Video-opinarmos», para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema. Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de 1.000 euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de 500 euros.

A maiores os youtubers poderán recibir formación específica de videocreación con talleres que se darán no campus e no edificio de La Molinera.