«O adestrador que hoxe é Diego, xa estaba aí»

mar gil OURENSE / ALA VOZ

OURENSE CIUDAD

x. carlos gil< / span>

Alumno de Ciencias, Ocampo decidiu dedicarse ao baloncesto pola influencia da súa adestradora, Conchi Fortes

02 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A mellor etapa da vida académica de Diego Ocampo Vázquez (Ourense, 1976) foi entre os 12 e os 16 anos. O actual adestrador do mítico Joventut de Badalona combinou sempre os seus estudos oficiais coa música no Conservatorio, co taekwondo e co baloncesto, pero da adolescencia lembra con especial pracer a sensación do xogo en liberdade no patio escolar, sen tutela de adultos e coa maxia de aprender a convivir.

O seu primeiro contacto co baloncesto foi no colexio Lagoas 3, onde chegou seguindo a peripecia profesional da súa nai, mestra: Curros Enríquez, Catabaois (Ferrol), Vista Hermosa, Lagoas 3 e, en BUP e COU, Salesianos.

Foi aquí onde se topou con Conchi Fortes: «En COU, o meu último ano júnior, adestroume Conchi. Pola súa influencia -falamos moito, regaloume e prestoume moitos libros de baloncesto, incitábame a que adestrase eu aos meus compañeiros...-, naceron en min esas ganas de ser adestrador; por aí foi polo que decidín estudar INEF».

Eran os tempos do Coren Ourense e de Salesianos como canteira,«os mellores momentos do cesto en Ourense, con ídolos como Nacho Suárez ou André Turner. Inflúe moito nos rapaces -salienta Ocampo- que teñan referencias e naquel momento na cidade había un alto nivel».

Conchi Fortes foi, sen dúbida, unha referencia para Diego: «Ela tiña un carácter especial para adestrar adolescentes. Convencíanos das cousas porque nos facía pensar. Eramos partícipes do proceso, pero sempre guiados por ela. Outra cousa importante é que sempre conseguía que creramos en nós mesmos pero, se tiña que levar a voz, facíao».

Diego, que estudou Ciencias puras e apunta como materias preferidas as Matemáticas e o Galego, era o base daquel equipo e unha peza clave para Conchi: «Lembro unha frase que define os bases como a continuidade do adestrador na pista. Diego era iso para min aos seus 17 anos. Con el, eu tiven o privilexio de ter a miña cabeza na pista. E iso levoume a darlle renda solta, a deixar que el e os seus compañeiros decidiran; eu nunca fun de sistemas de xogo moi ríxidos».

E iso permitiulle ver que «o adestrador que hoxe é Diego xa estaba aí». Do Diego adolescente lembra Conchi a «capacidade de liderado e moita sensibilidade; comprometíase cos compañeiros e cos seus problemas, non era dos que pasan de todo. Aquel era un grupo moi diverso, había algún que se excedía en todos os sentidos e Diego era dos que se involucraba no grupo e sabía facer grupo. A min encantaríame que tivese sorte porque está destinado a triunfar, é un tío traballador, honesto, comprometido e é un tío que lle apaixona o que fai e a xente así merece ter un pouquiño de sorte».

A oportunidade de pensar

Vendo un recente adestramento do Joventut, Conchi sentiu o tremor da memoria e da emoción: «Removéuseme todo. Vin algún detalle no que eu me recoñecín. Agora hai moito internet, moito clinic e moita formación pero na miña época non, así que faime graza ver que se fan cousas que eu facía antes e polas que pouco menos me tachaban de louca».

O respecto á hora de dirixirse aos xogadores, por exemplo, «e non esquecer nunca que son seres que pensan; darlles a oportunidade de pensar paréceme fundamental e eu iso facíao».

Coa mente naquel Ocampo de 17 anos, moi similar ao actual -non era ningún virulillas, xa estaba fisicamente formado; se acaso tiña máis pelo»- e sentindo a súa influencia de mestra nun alumno avantaxado, Fortes sente «un pouco de vertixe, moito orgullo e moita satisfacción. Ver que o traballo que ti fixeches a alguén lle chegou tan profundamente, sendo como era un crío, dáme taquicardia; dá un pouco de medo tamén porque ves como as túas palabras e actos poden influír e iso é moita responsabilidade».

De Conchi e dunha familia de pais mestres, Diego aprendeu moito máis ca teoría: «Aprendín que o máis importante é dar exemplo. Para ser mestre ou pai hai que dar exemplo, creo que iso marcoume. Dos adestradores que tiven e, claro, de Conchi, recibín un exemplo de responsabilidade, de saber estar, de saber comportarte».