59 breves poemas esencialistas

ELISA LOBEIRA

OURENSE CIUDAD

16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén Eva Veiga de gañar o XXXI Premio de Poesía Cidade de Ourense 2015 e agora Espiral Maior edita o poemario, Silencio percutido, nun ano no que tamén edita outro poemario, Soño e vértice. Xa con once poemarios, é unha das poetas importantes do noso sistema literario, unha voz dunha gran pureza lírica, en sintonía coa modernidade, pero fuxindo do hermetismo excesivo e sen confundir polifonía con cacofonía. A poesía non se explica, non predica, fálanos e debemos comprender, pero a miúdo unha comprensión como a do soño, como a da inocencia perdida do edén, ou a dor máis alá da xustificación.

59 breves poemas esencialistas, limpos, «baixo o ceo/que non é ceo/alzando as mans/até o canto/que é escuma/que nunca foi a escuma/prendéndonos dun verbo/a desfacerse en todos os seus fíos/noutros ríos/medindo o eterno/en cada extrema/e a súa fuga/a seguir o rastro/sen orixe».

Busca do eterno, do perenne, que se mestura coa elexía da perda: «non hai silencio aquí/onde todo é silencio onde/nunca lentamente caerán/as pétalas dunha rosa fugaz/nin o mar volvera iniciarse/fugaz/nas súas correntes». Perpetua randeeira entre a beleza das palabras e a súa incapacidade para dicilo todo: «Palabras/que só ás veces compadecen/o seu despezamento/que sen cesar se unen negando/o que as separa…». Para rematar no río da vida: «deste fluír/fican só espellos/a vida continúa a súa viaxe».

«Silencio percutido»

Eva Veiga

Espiral Maior (A Coruña, 2016)