«Os nosos montes están penosos; aquí o único que limpa é o lume»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Afeccionouse ao mundo dos cogomelos tras probar casualmente uns «boletus»

19 ene 2017 . Actualizado a las 16:39 h.

Pontino de primeira infancia, a vida do presidente da Asociación micolóxica Os Cogordos nunca descorreu moi lonxe do Miño. José Luis Rico Simal naceu no concello pontevedrés de Cerdedo en 1957 case por accidente.

Viviu ata os 7 anos na avenida das Caldas e despois trasladouse a General Franco -a actual rúa Progreso-, moi cerca do parque infantil. «Daquela era como un campo de terra, nada que ver co que é hoxe, nin había bambáns nin nada, case nin árbores», lembra.

Volve aos ollos infantís para revivir a experiencia escolar no colexio Bóveda, pegado ao mesmo parque, con Pilar Bóveda como directora. Tamén algunha que outra sesión de cine na sala Airiños, situada no solar do actual centro sanitario da rúa Concello.

As estampas daquel Ourense que xa non é amoréanse nas retinas de José Luis Rico, que pasou tamén polo colexio Salesianos e polo instituto da Ponte, onde rematou COU. Despois viría unha experiencia frustrante: o servizo militar na base aérea de Torrejón de Ardoz. Alí marchou voluntario, ilusionado con facerse especialista do Exército do Aire. A vivencia non foi, precisamente, pracenteira, así que José Luis volveu ao seu Ourense e apuntouse a outro clásico da cidade, a academia Pereira Padilla. Alí cursou dous anos de Cálculo e Contabilidade e foi alí onde lle chegou a súa primeira oferta laboral.

Cuevas y Compañía chamou á súa porta e ofreceulle un posto de traballo no que permaneceu durante 11 anos. De aí, e trala transformación da estrutura inicial da firma, Rico integrouse no mundo da construción, onde hoxe continúa.

A súa década longa en Cuevas permitiulle abrir unha fiestra vital que o transformou. Como se transformaron tamén a cidade e a sociedade ourensás: «Eu traballaba coa contabilidade das droguerías de Cuevas no almacén da rúa Río Camba. Tiñan dúas, na rúa de Reza e na avenida de Pontevedra. Daquela a xente ía ás droguerías mercar os produtos a granel e, como nas farmacias, moitas cousas encargábanse e preparábanse; cousas correntes hoxe, como un verniz, facíancho como se fose un medicamento. Aquel era outro mundo!».

Unha casualidade, a substitución dun compañeiro contable na fábrica do polígono, onde trataban castañas e cogomelos, foi o toque de variña máxica do futuro micólogo: «Alí chegaban boletus de distintas zonas de Galicia, limpábanos e conxelábanos para exportalos a Europa e Xapón. Un día, andando pola nave, vin todos aqueles cogomelos e intereseime por eles. Déronme uns poucos para a casa, probeinos e encantáronme. Eu non tiña nin idea, pero engancheime».

Naquela nave do polígono viu tamén José Luis por vez primeira o nome da Asociación Os Cogordos. Foi nun sobre no despacho de José Posada, un dos impulsores do grupo: «Fíxate que, despois de tantos anos, agora continúo eu o seu labor!».

Faino dende a presidencia, á que accedeu hai 4 anos. Pero, matiza, «o mellor é que esta asociación é unha familia, non é nada elitista. Os coñecementos que ten calquera compárteos contigo… menos os sitios onde collen os cogomelos, iso non cho di ninguén!».

Co pulo de micólogos como Juan José Martínez ou Eladio Pateiro, Rico goza falando da gran variedade micolóxica de Galicia e láiase do escenario: «Os nosos montes están penosos; aquí o único que limpa é o lume. Non me estraña que arda porque ten o combustible ideal, hai un abandono total do monte! Cando había xente nas aldeas estaban limpos, pero agora non se fai nada».