Ourense

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE CIUDAD

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense promociónase en Madrid cun vídeo no que abonda nas termas e na catedral, e no ben que se come e se bebe aquí... Nada que obxectar. Breogán (o neno protagonista) ata me acaba parecendo gracioso co seu tesouro. O vídeo non está mal. A locución xa é outra cousa. Non dou entendido -e debería, porque nacín preto da cidade que Paco Vázquez chama La Coruña- que con cartos públicos se promocionen topónimos deturpados. E, unha vez máis, desta volta nun vídeo promocional, óese un Orense. No segundo 27 a voz en off recupera ese topónimo que recorda a unha época pasada... e que debería estar superado. ¿Un erro? Será. Entendible pensar que non foi posto adrede, cando no resto do video está dito de xeito correcto; máis ao mesmo tempo, un erro que hai que subsanar. Farta vou de escoitar que se dixo así toda a vida. ¡Home non, desde sempre non! Igual desde a vida dun si, claro (sobre todo se un aínda non é moi vello), pero non tan aló. De preguntarlle a Isaura Rodríguez, esa muller que o domingo celebraba os seus 104 anos, seguro que ela di que cando era nena a xente ía a Ourense. Ou a Xinzo ou a Sanxenxo... E non a eses lugares que na ditadura perderon calquera atisbo que soase galego e que moita xente se esforza por manter. Aqueles tempos xa pasaron. Aqueles tempos xa están superados (aínda que incluso no PSOE recuperen aqueles feitos no seu debate para xustificar a abstención ou non a Rajoy) e toca mirar para diante. E o futuro é Ourense. O futuro debería ser defender o noso, defender a fala, defender o país. E nesa defensa deberían ter un papel fundamental as administracións.