«Estaba moi ilusionado cunha actuación no Campus pero, ao final, non se fixo»

La Voz

OURENSE CIUDAD

31 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No currículo de Gallego Jorreto van parellas intervencións e premios. Dende as vivendas familiares a obras como o Museo de Belas Artes da Coruña, a residencia oficial do presidente da Xunta, a reforma do antigo Banco de España en Compostela -actual Museo das Peregrinacións-, a Casa de Cultura de Chantada ou o Centro Cívico da Rúa Colón e o Centro de Novas Tecnoloxías -estas dúas en Ourense-. Conta con premios que van dende o Nacional de Arquitectura á Medalla de Ouro da Arquitectura, pasando pola Medalla Castelao e outros moitos. No 2015 entregáronlle o do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. E el aproveitou para reivindicar a profesión.

-¿A crise levouse por diante aos arquitectos?

-Non son bos tempos. A crise económica en España rachou a burbulla inmobiliaria. E supuxo a práctica desaparición da construción, e esta levaba consigo a posibilidade de facer arquitectura. Entendámonos: non é que toda construción sexa arquitectura, nin moito menos, pero antes cabía a posibilidade de facela.

-¿De tantas actuacións desenvolvidas -’xa sei por onde vas’, apunta- con cal se quedaría?

-(Ri). Con ningunha. Explícome. Cando rematas un proxecto xa estás pensando no seguinte e como podes mellorar. Non me interesa o que fixen, si o que aínda podo realizar. Para min a obra de futuro sería o balneario, se o fago, ou o museo. Aí é onde me interesa ver se son quen de facelo mellor que ata o de agora.

-¿E das asignaturas pendentes que puido ter sido e non foi?

-O Museo do Papel é un deles. E un espazo público que se ía construir na Costa da Morte. E unha proposta moi interesante para o Campus de Ourense: era un edificio para un teatro experimental e uns vestiarios para os estudantes. Estaba moi ilusionado pero, ao final, non se fixo».