«De informática controlo moito, pero de escribir xa non sei tanto»

Sara p. seijo / S.L.

OURENSE CIUDAD

álvaro ballesteros

García Tobío recolleu datos e imaxes para preservar a memoria da informática galega

08 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estudou Informática pese á reticencia da súa nai. Ela cría que tiña que ver co Xornalismo, «información automática», dicía. Mais el o tiña ben claro. Marchou a Deusto dende Ourense e alí comezou a súa carreira profesional, que culminou coa publicación do libro Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía. Chámase Javier García Tobío e, dende hai 18 anos, é o director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

O título publicouse a comezos deste mes, pero a idea vén de atrás. «Ao remate do 2012 propuxen no Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, do que formo parte, que sería unha boa iniciativa confeccionar a historia da informática galega», conta Javier. «Encantoulles a idea, pero puxéronme unha condición: que eu tirara do carro», manifesta, «porque querían que liderase o proxecto alguén con material e sensibilidade nisto». Así que o proxecto comezou meses despois, xa no 2013.

Javier tiña material dabondo, pois a súa inquedanza por compilar o pasado evolutivo da súa profesión non era casualidade. «Cando regresei a Galicia hai 18 anos, moitos dos meus amigos morreran ou xa se xubilaran, e sentín que todas as anécdotas da informática que nos contáramos íanse perder», confesa o director do CESGA. Esa é a razón que motivou «inconscientemente», di, «a ir recollendo imaxes, informes, artigos ou calquera información sobre a informática galega ao longo do tempo».

Javier García coordinou, co presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o que é o primeiro libro da historia da informática de Galicia, unha recompilación inédita e que servirá coma manual de consulta. Pero no traxecto non estivo só. Contou cun equipo de arredor de 20 colexiados que «axudaron coas entrevistas e coa revisión do libro», expresa o director. Dende o 2013 e ata o 2015, obtiveron unha inxente cantidade de datos, mais entrementres era necesario realizar a tarefa máis enredada: redactar o texto. «Eu de informática controlo moito, pero de escribir xa non sei tanto», conta. «Entón chamei a un xornalista ao que aprecio moito, o meu amigo Henrique Neira, e díxenlle que o necesitaba para escribir a historia da informática en Galicia», afirma Javier. E o xornalista aceptou.

O director do CESGA non dubida do proveito destes anos de investigación, aínda que o camiño foi intenso. «O pasamos moi ben escoitando historias, pero traballamos moitísimo, especialmente Henrique, pois ademais de escribir ía ás empresas e hemerotecas por min ao estar eu traballando pola semana», explica.

Henrique Neira figura como autor do libro, un recoñecemento «máis que merecido», según o seu amigo Javier García. O xornalista foi o piar ao «que se lle canalizaba a información que recuperábamos». Tras escribir a primeira versión, Javier e Henrique atopáronse con máis de 400 follas sen fotos. «Había que podar, aínda que eu sufría por ter que quitar datos, pero un libro de tantas páxinas sería pouco manexable», opina o líder do CESGA.

Tres anos despois do inicio dunha meta persoal e profesional, o libro da historia da informática en Galicia constitúese como un proxecto pioneiro, pois antes deste título non había nada escrito. Mais «quedan tarefas por facer», aclara García Tobío. «Quedou moita información fóra», de aí que entre os próximos plans teña previsto catalogar a información recollida, implantar unha wiki para recoller os novos eventos ou mesmo dispor dun Museo da Informática Galega.