¿Sabes como aforrar enerxía?

rebeca carreiro

OURENSE CIUDAD

Mercar produtos locais resulta menos contaminante.
Mercar produtos locais resulta menos contaminante. m. villar< / span>

Na cidade de Ourense tocamos a 1,36 vehículos por cada habitante

10 mar 2016 . Actualizado a las 18:05 h.

Dende o colectivo ambiental Sustinea promovemos a campaña «1 mes 1 compromiso». Buscamos implicar á cidadanía na promoción dun cambio consciente e responsable, propoñendo durante todo o ano unha temática distinta coa que podemos comprometernos coa saúde e o medio ambiente facendo retos mensuais, e participando ao final de cada mes nunha visita relacionada coa temática proposta. Este mes, e facendo referencia á celebración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética (2 de marzo), dedicámolo á sensibilización cidadá en prol do aforro e da eficiencia enerxética, dando a coñecer alternativas e hábitos de consumo consciente e responsable.

A mediados de mes realizaremos unha visita de balde á Fundación Galicia Verde. Con esta visita pretendemos dar a coñecer exemplos prácticos e vivenciais, que mostran que por máis pequenas e individuais que sexan as nosas accións, podemos acadar grandes cambios. Estas pequenas accións poden parecernos insignificantes, pero a gran escala son unha potente fonte de aforro enerxético. Non falamos de abandonar o benestar acadado ata o de agora, nin tampouco requirimos grandes coñecementos científico-ambientais para poder pór en práctica. É moito máis sinxelo do que parece cambiar os nosos hábitos está ao alcance de todos e todas.

Todas temos no noso frigorífico unha leituga viaxeira que chegou a Ourense, non dende Coles ou Allariz, senón que logo de ser recollida no Ejido percorreu máis de mil quilómetros despois de pasar por dúas cámaras frigoríficas. ¿Cal sería o aforro se esa leituga viñera do rianxo da praza de abastos, ou mediante algún dos Grupos de Consumo Responsable da provincia? O transporte é outra das contas pendentes que temos os ourensáns, como nos lembra os últimos xoves de cada mes a Masa Crítica, reivindicando cunha pedaleada, a importancia da redución dos vehículos motorizados dos que tocamos a 1,36 vehículos por habitante na cidade de Ourense. Reflexiona e conta os coches que te atopes nos que viaxen máis de unha persoa. Sobraranche dedos.

Nas nosas casas, cousas tan sinxelas como apagar a pantalla do ordenador, o stand by do televisor, as luces cando non estamos nese espazo, ou á hora de cociñar tapar os recipientes de cocción e apagar antes de tempo a cociña para aproveitar a calor residual, son exemplos de pequenas accións que podemos levar a cabo no noso día a día que marcarán a diferenza. ¿Como é que cada un de nós, coas nosas pequenas accións podemos cambiar a panorámica medioambiental que vivimos? Fácil, fagamos contas: segundo a axencia Eurostat, os aparellos que deixamos en stand-by representan o 7 % do consumo enerxético da nosa casa. Todos os días desconectar a pantalla do noso televisor en vez de deixalo en stand-by serían 365 días de aforro, que se multiplicamos por todas as persoas que posúen televisor no mundo, resultaría un aforro enerxético moi relevante, non só na nosa factura de luz, senón tamén nos recursos do noso planeta. Coñecer máis e ser máis conscientes vainos a axudar a identificar malos hábitos e malos comportamentos ambientais, e a motivarnos para que cambiemos de actitude, non só neste mes, senón para o futuro. Por exemplo, o aire acondicionado pode supoñer o 10 % do consumo total de enerxía no fogar, o televisor consume 36 veces máis que a radio, cando se utiliza só para escoitar; se usas papel reciclado en vez de papel virxe, podes aforrar 50 %; se usas o autobús en vez do coche podes aforrar 80 % pero o mellor é que uses a bici a así aforrarás o 100 % de enerxía. Os gastos enerxéticos que temos hoxe en día son elevados e desequilibrados. O aforro enerxético vai máis aló de cuestións ambientais e económicas, trátase tamén dunha cuestión de cooperación e respecto polos demais. Só basta pensar que os europeos occidentais somos responsables da emisión de dióxido de carbono seis veces superior ás emisións realizadas por todo o continente africano. Recapacitemos e fagamos borrón e conta nova. ¿Aceptas o reto de cambiar o mundo que temos hoxe e o que lle deixaremos aos futuros seres humanos?

nombre o género cargo o tema

Más información www.sustinea.com

Visita ó centro de Leboso da Fundación Galicia Verde

Sustinea é unha asociación medioambiental. Traballamos na conservación dos nosos recursos naturais e na relación sostible do ser humano co seu entorno. Facémolo con proxectos de desenvolvemento rural, programas de educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades, desde voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, rutas temáticas, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, servizo de voluntariado Europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor o nosa web e no noso Facebook.

Este mes de marzo visitaremos a Fundación Galicia Verde, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo principal promover un desenvolvemento rural máis xusto e sustentable, dinamizando a actividade agrícola, gandeira, forestal e turística. O 12 de marzo visitaremos o Centro de Leboso que xestionan dende a Fundación Galicia Verde, onde coñeceremos o proxecto de autosuficiencia e os edificios autosuficientes térmica e electricamente. Durante esta xornada, tamén estaremos colaborando na cuarta Xornada de Voluntariado en Leboso. ¡Agardámoste! Esta actividade é de balde, soamente pedimos compromiso á hora de asistir, pois as prazas son limitadas.