«Hai ansias nos grupos políticos de DO e PSOE por repartirse a torta»

OURENSE CIUDAD

Antonio Cortés

Vaticina que hai un pacto cerrado con Jácome de alcalde e Javier Rey «ou outra persoa» como tenente de alcalde

10 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Incerteza. Esa é a palabra que mellor define o escenario político que se asoma no Concello de Ourense despois de que Democracia Ourensana e PSOE sumaran os seus votos para reprobar a Jesús Vázquez, alcalde de Ourense. O rexedor é contundente ao afirmar que seguirá traballando ata o último día e que o lóxico sería ter mañá enriba da mesa xa a moción de censura. Incluso vaticina un acordo pechado con Jácome de alcalde e Javier Rey -concelleiro do PSOE da denominada terceira vía- como tenente de alcalde.

-¿Esperaba ser reprobado no pleno de Ourense?

-Si, si o esperaba. Entendía que á vista de como se están vendo certos acontecementos de reunións, de almorzos entre eles, incluso das pautas marcadas, si tiña claro que hai un acercamento entre o PSOE e Democracia Ourensana. Os encontros están aí, vense, escóitanse e entendía que esa postura obedece a pautas marcadas dos dous grupos. Ata Ourense en Común se abstivo por electoralista. Se está a ver claramente que o PSOE lle está a facer o xogo a Democracia Ourensana e se está a converter nun convidado para unha festa que non é a nosa. Un dos argumentos para a reprobación foi o non pago de facturas na área social, cando todo o mundo recorda que esa área acabou no xulgado. Todo estaba programado.

-Cre, entón, que as cartas estaban marcadas. ¿Non cre o que dixo Barquero de que o seu voto dependería das súas explicacións?

-Non, para nada. É máis, o día do pleno houbo almorzos entre eles. Iso foi unha desculpa. Barquero leva sido a man dereita dos últimos dous alcaldes, por non dicir o alcalde na sombra nestes últimos catro anos. El sabe que pode coller o teléfono e dicirme, Jesús eu quero escoitarte, pero é que temos problemas de comunicación no máis estrito sentido da palabra con el. É moi difícil chegar a el. Ata este momento, o que vimos foi un non por parte do grupo socialista. Eu creo que estaba todo moi estudado e programado. Están sendo ese convidado necesario para unha festa coa torta repartida e terán que definir cal é o programa e cal é o grupo de goberno que queren presentar para estes tres anos e pico que quedan.

-¿Entende que a moción de censura é cuestión de tempo?

-Si houbo ese apoio claro dos socialistas na reprobación, o único que pode quedar e si un señor é reticente a outro, pero os grupos políticos están de acordo, e desde logo hai ansias nos grupos por repartirse a torta. Se fosen coherentes terían que presentar hoxe a moción de censura. Eu faríao, porque senón vanlle seguir facendo dano a esta cidade.

-¿Ve recuperable a relación co grupo socialista?

-Estrañáronme os seus argumentos na reprobación. Acusar á área social de que se perden axudas, aínda non se perdeu ningunha, cando é todo o contrario. É o mundo ao revés. Terán que ser conscientes do que están a facer e darlle unha clara explicación á cidadanía. Entendo que están neste momento ao ditame de Democracia Ourensana. Creo que teñen ben claro que o alcalde vai a ser Jácome e falta decidir si ese tenente de alcalde pode ser Javier Rey ou outra persoa.

-¿Cónstanlle as especulacións sobre que están a esperar a que Barquero deixe a política municipal e busque outro destino?

-Non o sei. O único que podo dicir é que o luns o PSOE lle fixo unha dano a esta cidade, porque el é moi consciente de como está a situación e a vivida especialmente durante estes últimos catro anos. O PSOE xogou en contra da cidade de Ourense e primou os egos e os personalismos por riba dos intereses da cidade.

-¿Pode traballar coa espada de Damocles da moción de censura?

-Da moción de censura falouse xa desde o primeiro día.

-Pero agora deuse un paso máis.

-Eu vou a seguir traballando e a cidade vaino comprobar. Todos os días estamos a facer un traballo con grandes ou pequenas cousas. Salvamos un plan de obras no que eles (PSOE) son conscientes que tiraron a toalla. É sospeitoso que falen desas cousas e tamén terán que explicarlle cando nos dicían que non pactáramos con DO, que so nos pedían iso. A veces, o peixe morre pola boca.

-¿Vese con forzas pese a estar en minoría e agora reprobado?

-Totalmente, senón hoxe (por onte) xa tería renunciado.

-¿Non o pensou?

-Non. Os que teñen que dar o paso son eles, non nós. Traballaremos co mesmo ímpeto e gañas de resolver problemas. É o que imos a facer ata o último día. Hai que ser honestos. Si eu tivera que estar pensando sempre nunha moción de censura ou en como evitala, non estaría xestionando senón facendo xogos dos que non vou a participar. Hai cousas polas que non imos a pasar.

jesús vázquez abad ALCALDE DE OURENSE

«As palabras inepto ou inútil, son habituais e ao mellor hai que dicir basta»

O alcalde de Ourense confía en que a reprobación non supoña un regreso a tempos pasados de crispación ou episodios desagradables como os vividos na recta final do anterior mandato.

-¿Hai algo que se achaque para ser reprobado?

-Todos seguramente cometemos erros, pero pódolle asegurar que as veces intentei falar con eles e non puiden. Bueno con Jácome, si que falei...

-¿É certo que acabaron a gritos na súa última reunión por a banda de música?

-É certo o último día. Bueno, acabou el, non eu. Non son persoa de chillar cos portavoces ou cos grupos políticos. Ao mellor enfádome eu so ou cos que queres, pero repito que as portas están abertas e hai xente á que costa moito localizar.

-¿Que futuro lle vaticina a Ourense se hai moción de censura?

-Quizais non me compete opinar, e menos neste momento.

-¿Teme unha radicalización no discurso da oposición?

-O temería se houbesen participado positivamente. Vostede pode temer cando houbo outra situación, pero non houbo coparticipación, nin intento de apoiar. Nin sequera se fixo un traspaso de poderes. Chegamos con todo baleiro, porque si que houbo cuestións que se encargaron de facer moi ben previamente. ¿Temer? ¿Pero cantas veces os insultos foron no pleno cara a miña persoa desde inepto ata covarde? Ao mellor hai que empezar a poñer enriba da mesa as corenta cartas da baralla.

-¿A que se refire?

-Pois que ao mellor haberá que dicir as cuestións como son.

-¿Levantar as alfombras?

-Non, iso non, pero reitero que as palabras inepto, inútil, covarde son habituais e ao mellor chega un momento no que hai que dicir basta e por reparos a esas cuestións porque a educación ten que estar por riba de todo.