Ourense reforza o compromiso coa reivindicación de Blanco Amor

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Arturo Lezcano ultima unha obra  na que percorre os escenarios vencellados co escritor en Bos Aires

02 dic 2015 . Actualizado a las 10:57 h.

A cidade de Ourense, a Auria do seu corpus literario, anova cada ano a súa homenaxe e lembranza de Eduardo Blanco Amor. Unha iniciativa que vai sumando en cada nova convocatoria proxectos, propostas e traballos a prol da recuperación da obra e da figura do autor de A Esmorga. 

Onte no cemiterio de San Francisco, e coincidindo coa data do seu pasamento, celebrouse unha nova cita coa memoria do escritor, xornalista, activista cultural e político. Na convocatoria organizada polo Pen Clube de Galicia, en colaboración coa Deputación de Ourense, exerceu como manteñedor o xornalista Arturo Lezcano. O ourensán tratou a Blanco Amor nos últimos anos da súa vida, entre 1973 e 1979, coincidindo coa etapa na que o escritor decide voltar á súa cidade logo de décadas de traballo na emigración. 

Ruco Lezcano lembrou un escenario cultural no que o escritor «chega a Ourense logo da morte de Vicente Risco, o seu mestre e o meu valedor» e como o coñeceu no desaparecido café Miño, ao presentarllo o finado Julito Losada. O xornalista recordou tamén como o intelectual homenaxeado se definiu unha vez, naquela última etapa da súa vida, dun xeito gráfico e simbólico: «Yo soy uno de esos muñecos de hojalata a los que se le está acabando la cuerda». Lezcano voltou a vista sobre as tertulias que se facían arredor do creador de Os biosbardos, reviviu a conversa na que Eduardo Blanco Amor lle recoñeceu a súa man detrás dos poemas galegos de García Lorca e como foi a derradeira vez que o viu, no ano 1979 ás portas da Real Academia Galega.

Aproveitar as testemuñas vivas

O presidente do Pen Clube de Galicia abriu o acto diante da campa de Blanco Amor recitando En soños, do escritor homenaxeado, e anunciou a próxima publicación dun traballo de Arturo Lezcano no que se recolle a viaxe do xornalista a Bos Aires na pescuda dos lugares nos que viviu o autor e dos espazos onde desenvolveu a súa vida ?dende a actividade profesional aos cafés que acudía ou onde acostumaba a escribir?. Na súa intervención, Lezcano fixo un chamamento para que se aproveite a memoria e a lembranza das testemuñas vivas para recuperar aspectos de Blanco Amor que aínda son descoñecidos para o gran público. 

    Nas diferentes intervencións incidiuse na dimensión acadada polo autor homenaxeado. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, lembrou que Blanco Amor elexiu libremente ser un escritor galego ?«cando tiña un prestixio e unha importante carreira profesional tanto en castelán como en galego»? e que se convertiu nun dos referentes da cultura de Galicia no século XX. Ignacio Vilar diulle novas ao escritor de como resultou o primeiro ano de vida da película A Esmorga, o a recente participación no festival italiano de Udín

e o deputado Manuel Doval incidiu no compromiso da Deputación cos proxectos arredor de Blanco Amor. Pola súa banda o alcalde, Jesús Vázquez, incidiu no feito de que «o escritor diulle popularidade a cidade, a esa Auria do seu alcume literario» e que Ourense manterá vivo o seu legado. González Tosar escusou a ausencia do presidente da Real Academia Galega, Alonxo Montero, e o responsable da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes.