Homenaxe á intelixencia e dignidade de Manuel Peña Rey

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A Irmandade da Sanidade Galega colocou unha placa na casa onde viviu o xinecólogo

28 nov 2015 . Actualizado a las 21:01 h.

Na rúa de San Lázaro, 18. Alí estará para sempre a memoria de Manuel Peña Rey, médico xinecólogo, nacido en Cotobade en 1899 e finado en Ourense en 1957, e que foi durante anos director do hospital provincial. A Irmandade da Sanidade Galega (Isaga) celebrou onte a súa asemblea en Ourense e homenaxeou a Peña Rey, lembrando a súa figura e colocando na súa casa unha placa, descuberta pola filla maior do médico, que recorda a súa importancia, intelixencia e dignidade.

Xosé Luís Álvarez, da coordinadora de Isaga en Ourense, sinalou que tras cinco anos de percorrido da irmandade por Galicia, recuperando a figura de vellos profesionais da sanidade que tiñan o compromiso co país e co seu idioma, aínda non se fixera nada en Ourense. E que á hora de escoller a unha persoa, pensouse enseguida na figura do doutor Peña Rey, suficientemente importante como para recuperalo para a historia da cidade, aínda que non nacera en Ourense. «Aquí viviu case toda a súa vida e na cidade desenrolou todo o seu traballo profesional e o seu compromiso co país e a lingua», explicou. Durante o acto, falouse do feito de que unha persoa que non era de Ourense, e que tivo que formarse en Madrid, decidira instalarse na cidade nos anos vinte do século pasado. «Isto xa é importante na historia sanitaria da cidade. E se encima contamos que case foi o primeiro xinecólogo que se instalou na cidade e que foi mestre de novos doutores e presidente do colexio médico de Ourense, a súa relevancia está máis que probada», destacou Xosé Luís Álvarez. Aparte disto, sinalaron, que non só se dedicou ó tema da saúde, senón que tivo compromiso co país, a defensa dos seus intereses, lingua e xentes. Fíxoo como presidente do Partido Nacionalista Republicano de Ourense. Tralo acto en San Lázaro, a asemblea da Irmandade da Sanidade Galega trasladouse ó paraninfo do Otero Pedrayo onde David Simón fixo un percorrido pola vida de Peña Rey e, posteriormente, celebrouse o acto de incorporación de trinta novos irmandiños. A Irmandade da Sanidade Galega defende a importancia da relación cos doentes no idioma que eles falan e entenden. Reivindican maior humanidade na sanidade e cren que, ó mesmo que noutras profesións, queda camiño por andar.