Un rapaz de aldea, un ninguén

Noela Blanco OLLADAS DE OURENSE

OURENSE CIUDAD

03 sep 2015 . Actualizado a las 13:28 h.

Se hoxe dende calquera aldea de Ourense, un rapaz, como facía o Balbino do mestre Neira Vilas, «baleirara o corazón na súa libreta de notas» para contarnos como se ve a través da súa inocente pero avispada ollada o mundo, contaría con ledicia que os meses do verán son os mellores porque supoñen o retorno por vacacións dos curmáns e amigos cos que noutrora xogaba ata que marcharon a vivir fóra. Emborronarían esas páxinas de emocións, a angustia e tristura sentida estes días cando tiveron que escapar das súas casas ante o temor de que arderan, e o relato de cómo o lume transformou os infinitos verdes empapados de orballo, nun deserto de negras cinzas.

  Setembro sería o mes da volta as rúas sen xente, dos nervios de esperar que o autobús o levara de volta a clase a un novo colexio, o da vila do lado, adonde despois de que puxeran o candado no da súa aldea e noutras de Ourense, irá a partir de agora. O certo é que senón acudimos á chamada de socorro que o rural está lanzando, e as institucións deixan de mirar para outro lado, os poucos Balbinos que quedan acabarán escribindo sobre unha viaxe sen retorno lonxe dos seus pobos. Urxe a posta en marcha de políticas para potenciar a produtividade que teñan en conta a función social das persoas que co seu traballo o están conservando, recompensar economicamente dunha maneira xusta o esforzo que supón o traballo no campo, e dotar a esas poboacións de servizos. O escenario entón sería ben distinto: un medio rural máis poboado, cun mellor aproveitamento das terras, e cunha testemuña que se pasaría orgulloso dos maiores aos máis novos. As administracións teñen que actuar con responsabilidade e sentido común para mudar esta situación, para que nas páxinas da nosa historia non se volva a escribir: «Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén».