«O 90 % do noso presuposto ven da casilla da declaración da Renta»

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

«Aínda hai persoas que pensan que á Igrexa mantena o Estado»

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o pasado decembro Raúl Alfonso González (Tameirón -A Gudiña, 1978) engadiu a súa responsabilidades como párroco de varios núcleos e profesor de lingua española no Seminario, a de levar a delegación episcopal para asuntos económicos na Diocese de Ourense. A súa tarefa é asumir, por delegación do bispo, a administración dos bens da Igrexa neste territorio. Unha labor para a que conta cunha equipa de seis persoas entre economistas, especialistas en patrimonio histórico e en administración.

-¿A vostede sáenlle os números?

-Os números da diocese son moi sinxelos de facer. Case o 90 % do noso presuposto ven da famosa X da declaración da Renta, pero non só do que aportan os ourensáns cando marcan esa casilla da Igrexa, que sería un 25 % do que recibimos. Ourense depende para manterse da solidariedade doutras dioceses. No último exercicio os ourensáns aportamos en torno a un millón e recibimos 3.750.000.

-¿Por que se aporta tan pouco?

-Hai varios condicionantes. En Ourense hai pouca poboación, moi envellecida e as rendas son das máis baixas de España e polo tanto moitos non teñen que facer esa declaración. Por iso hai un reparto solidario de todo o que se recibe entre todas as dioceses, que se fai en base ás parroquias que haxa en cada unha, á poboación, ós seminaristas, e ó patrimonio que hai que manter.

-¿Está satisfeito coa concienciación nese senso dos ourensáns?

-Na última, a do 2013, un 34,65 % das declaracións marcaron a Igrexa, e penso que hai un porcentaxe maior de católicos.

-¿Por qué hai esa disfunción entre os crentes e os que deciden que un 0,7 % dos seus impostos vaian a Igrexa?

-Eu creo que aínda hai persoas que pensan que á Igrexa mantena o Estado, o cal non é certo. A Igrexa, e máis dende o 2007, mantéñena os cristiáns, cos donativos directos ou coa aportación da declaración da Renta. E cando aparece a Igrexa nos presupostos do Estado, nese capítulo non van os cartos de tódolos cidadáns indiscriminadamente. O que aí se reflexa é ese 0,7 % dos contribuíntes que puxeron na declaración unha X para a Igrexa.

-¿É certo que Ourense e a segunda diocese con máis patrimonio?

-Non sei se é certo ou non, pero sempre se dixo que primeiro era Palencia e despois nós. O que é certo é que o valor histórico e artístico dese patrimonio é moi importante. So hai que pensar en Oseira, nos mosteiros da Ribeira Sacra, en Celanova, ou na Catedral, por citar algúns emblemáticos. Iso é moi positivo pero tamén é unha carga moi importante para a diocese porque calquera actuación para manter ese legado cultural supón, non só unha longa tramitación, senón un desembolso considerablemente máis alto do que podería ser arranxar un edificio o unha vivenda actual. Hai protocolos de actuación que son moi necesarios, pero tamén moi caros.

-Agora mesmo, ¿teñen liquidez para facer esa conservación?

-Se a diocese tivera que facer fronte cos seus propios fondos a tódolos arranxos sería imposible. A Igrexa é rica en patrimonio, que hai que manter e que nesta diocese está a disposición e pode desfrutar calquera persoa, cristiá e non cristiá, de xeito gratuíto porque aquí non se cobra entrada para ver eses bens. E hai moito que está necesitado de conservación. Andamos por un milleiro de igrexas con capelas, a maior parte delas do XVIII para atrás. Sempre hai quen che di iso de «que a arranxe o bispo, que é del», pero a maioría dos pobos asumen o templo como algo propio e si que axudan. Se hai que facer algún arranxo colaboran con colectas ou donativos a nivel particular ou nalgún caso con cesións de rendementos das comunidades de montes que deciden xenerosamente inverter neses arranxos.

-¿As Administracións axudan?

-Agora mesmo pouco. En Ourense están dando para cousas urxentes na Catedral, porque é un monumento de bandeira.

Raúl Alfonso González Delegado para asuntos económicos de la diócesis

«A xente que cede bens faino para que lle demos uso, non para estar parados»

Home de letras -é licenciado en filoloxía- a Raúl Alfonso non se lle impón a tarefa económica. «Isto é coma en tódalas casas; cuestión de sentido común» asegura, aínda que recoñeza que son moitas as frontes que atender. Nestes últimos meses decidiron por en valor, a través dun portal inmobiliario en Internet, algúns bens, como pisos e baixos comerciais. Son propiedades procedentes de doacións feitas, fundamentalmente na década dos 70 e os 80, que están sen uso.

-¿Por que agora?

-Porque este tipo de bens fora do mercado perden valor, e do que se trata é de volvelos a por en valor, ben en aluguer ou por venta, para que aporten eses ingresos que podan axudar ó fin para o que foi cedido ese ben. A xente que deixa bens faino para que lle demos uso, non para estar parados. Cando deixa esas cousas non son para que os teñamos atesourados, senón para que sirvan para algo, e nalgúns casos ademais teñen estipulado un fin moi concreto: para Cáritas, para o Seminario, para axudar os nosos misioneiros, que temos 188 polo mundo...

-¿E as casas parroquiais?

-Pertencen as parroquias. As que se poden aproveitar estanse aproveitando. Na diocese habería en torno a setecentas, pero quedamos menos da metade de curas, así que nalgunhas vivimos pero moitas levan tanto tempo valeiras que están ruinosas e non serven para dalas en ningún uso. Houbo algunha venta, pero a maioría cedéronse a institucións, principalmente concellos e xuntas de veciños, para que as rehabilitasen para facer un uso social delas. Algunha tamén se deu, a través de Cáritas, en aluguer social ou sen renda ningunha, para que vivisen nela familias con poucos recursos.