«Parece bastante claro que o pacto PP-DO xa está incluso negociado»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE CIUDAD

«Nestes momentos non lle damos o noso apoio incondicional a Barquero»

20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Funcionaria de profesión, Susana García (Ourense, 1970) é concelleira desde o ano 2012 e agora encabeza a candidatura do BNG. «As enquisas dannos entre dous, e catro concelleiros... Eu apostaría polos catro podendo ser. Nós aspiramos a sacar máis», di sobre as súas expectativas electorais.

-Pero, como di, as enquisas prognostican unha caída xeneralizada do BNG. ¿Será así?

-O BNG ten o seu espazo e creo que ao final os resultados non reflectirán esa caída que se recolle nas enquisas. Penso que se manterá con pequenas variacións.

-En todo caso, parece que non mellorará os resultados do 2011, ¿por que?

-Supoño que porque disputamos o espazo electoral con moitas forzas políticas. Aí o reparto de votos penaliza ás formacións políticas que non son as máis maioritarias.

-Se o resultado tampouco é bo para Anova e CxG, ¿non sairá penalizado o nacionalismo en xeral?

-Non cabe dúbida que ese reparto en distintas formacións si vai penalizar dalgunha maneira ao proxecto nacionalista. Votos que antes estarían no BNG agora se reparten noutras formacións que probablemente non teñan representación e son votos perdidos, claro. Tamén é verdade que algunha destas formacións que se presentan como nacionalistas non son tal.

-¿Compromiso?

-Compromiso non é nacionalista e Anova ten que demostrar o seu nacionalismo desde o punto e hora que pactou cunha forza de obediencia estatal para acceder ao Parlamento de Galicia.

-Póñase no caso de que Barquero precisa os votos do BNG para saír investido alcalde. ¿Pode contar con eles?

-Temos que falalo e pensalo. É certo que agora mesmo pesa sobre o candidato unha imputación e nós saímos do goberno porque había un alcalde imputado, co cal teríamos que darlle moitas voltas á cuestión. Ao mellor habería que tomar algunha medida que facilitase poder apoiar ao PSOE para acceder á alcaldía. Nestes momentos non lle damos o noso apoio incondicional, desde logo que non.

-Outros xa o plantexaron. ¿Contempla a posibilidade de esixir que sexa outro membro do PSOE o alcalde?

-Iso sería unha decisión que terían que tomar no PSOE pero sería un escenario posible, si, que non fose a persoa que está imputada a que se presente para a alcaldía, dependendo tamén como evolucione a imputación de Barquero, que tamén hai que dicir que se produciu xusto en vésperas das eleccións, co cal complicou todo o desenvolvemento da campaña.

-De entrar no goberno entón xa nin falamos, ¿non?

-¿Entrar a gobernar sendo o bastón de apoio como se ten dito nalgún momento? Temos que pensalo, neste momento non o temos en conta. Depende de moitos factores, entre outros o que acabamos de comentar.

-¿Cre que Jácome lle dará o apoio ao PP se o precisan?

-Parece bastante claro que o pacto PP-DO xa está incluso negociado. Estaría ben que nolo comunicasen para saber a que aternos. A consecuencia de todo iso será que o Urbanismo vaino levar o PP, o cal nos levará a épocas pasadas nas que había recalificacións e a este PXOM daranlle unha volta completa para pagar favores. E DO probablemente poña en práctica esas políticas de recorte de empregados públicos, de eliminación da cultura para todos e todo iso que anuncia Jácome no seu programa.

susana garcía rodríguez candidata do bng á alcaldía de ourense

24m: la campaña

«Jesús Vázquez non é capaz de dicir as cousas claras»

Propuxémoslle a García que defina aos seus rivais, empezando polo do PP, Jesús Vázquez: «Despois do debate, sei que é unha persoa que non contesta ao que se lle pregunta. Non é capaz de dicir as cousas claras e que a cidadanía saiba que ten pensado facer se é alcalde».

-Vázquez Barquero

-No seu momento dixo que se era imputado dimitiría e non cumpriu a súa palabra. Iso creo que o define como político.

-Jácome.

-Un kamikaze da política. O feito de dicir que será o alcalde ou nada xa o indica todo: ambición persoal pura e dura. Non pensa na cidade, pensa en si mesmo.

-Lito Prado.

-Parece un rebentaproxectos. Primeiro sae do BNG porque perdeu un asemblea, logo marcha de Ourense en Común porque tampouco saen as cousas como eles queren... A democracia que se practica en Anova deixa moito que desexar.

-Xosé Mosquera.

-Quizais debería facer unha reflexión e, despois do que ocorreu en Ourense en Común, non debería terse presentado a este proceso electoral.

-Miguel Doval.

-É unha persoa que leva toda a vida participando na vida cultural e no asociacionismo veciñal e agora ve que chegou o seu momento. E, tamén, ata que conseguiu o resultado que quería tampouco parou. É outra mostra do que é ter os obxectivos prefixados e non aceptar os resultados das asembleas.

«Non esperabamos esa debacle coa nosa saída»

O BNG leva no seu programa a remunicipalización de servizos, pero cando gobernaba privatizou infraestruturas deportivas en Oira e Eiroás. Debeuse a que, no momento en que asumiron Deportes, non había cartos. «Quizais non é modelo que quixésemos seguir no futuro pero naquel momento esa era a situación», di Susana García, que tamén promete un «pulmón verde» na finca Santamariña pese a que o BNG votou no seu día a favor da licenza para El Corte Inglés nese espazo. Fixérono, di, obrigados pola lei, para non prevaricar, e precisa que logo presentaron alegacións contra a ordenación urbanística que permitía ese proxecto. En todo caso, a candidata nacionalista fai un balance moi positivo da época na que a fronte estaba no bipartito e cre que o Bloque foi daquela o «motor do goberno».

-Un goberno que quedou paralizado trala súa marcha. ¿Non se arrepinten desa decisión?

-O BNG tomou a decisión por un lado porque xa lle estabamos dando voltas porque o PSOE non foi un socio moi cumpridor e queriamos darlle volta a cuestións de persoal ou de orzamentos que non estaban cumprindo. Despois deuse a circunstancia da imputación do alcalde e que este se negaba a dimitir. A verdade é que naquel momento non nos deixaron outro camiño. Tampouco esperabamos esa debacle coa nosa saída. Foi unha sorpresa incluso para nós. Quizais aí foi cando nos demos conta de que o BNG estaba tendo conta daquel goberno.

-Se foi unha sorpresa, ¿por que cree que o PSOE chegou a esa «debacle»?

-Houbo un división interna importante, pero tamén é verdade que o núcleo duro do alcalde tiña as concellerías máis importantes, como Facenda, Termalismo ou Emprego, ou sexa que o PSOE puido xestionar cousas. ¿Por que non o fixo? Pois porque perdeu o rumbo, seguramente, e faltou unha dirección clara porque non tiñan un proxecto para a cidade. Improvisaron a última hora un plan de investimentos que nin sequera son capaces de rematar e o feito de non ter orzamentos indícao todo. Iso pasa desde que o BNG saíu do goberno.

-¿Que destacaría do feito polo Bloque durante a súa etapa de goberno?

-A min gústame moito falar da transformación dos barrios. Fomos o primeiro goberno que atendeu a iso. O centro estaba moi ben tratado pero os barrios, abandonados, e fixemos transformacións na Inmaculada, na Carballeira, no Couto, no Vinteún... É certo que nos quedaron moitos barrios sen atender, sobre todo nas zonas máis rurais, que necesitan unha intervención integral en moitos casos, e aí si que nos gustaría ter opción desde o goberno municipal para continuar esa acción.