Así non saímos desta situación

José Luis Fernández Celis SECRETARIO COMARCAL DE UGT

OURENSE CIUDAD

02 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

FFai falta un cambio de rumbo con inversións produtivas para máis e mellor emprego, mellores salarios e máis protección social. Pretenden vendernos a falacia de que a melloría económica é o resultado das políticas de austeridade, e que, seguindo por este «bo camiño» saímos da crise. Un elemental sentido común nos di que con traballo precario e con salarios baixos non saímos da pobreza. A recuperación da economía ten máis que ver co cambio de política monetaria do BCE e coa baixada do petróleo que coa política do Goberno. Só cando o BCE deu por morta a austeridade empezou a recuperación. Unha evidencia máis de que a austeridade alongou a crise innecesariamente e inflixiu un sufrimento inútil e inxusto a moita xente.

A devaluación de salarios feita coa reforma laboral e o recorte de gasto público, deterioraron os servizos públicos e o afondou nunha segunda recesión. Temos menos emprego, menos servizos públicos, menos dereitos e máis débeda pública que no 2010. En Ourense os recortes causaron grandes estragos. Os datos de afiliación da EPA son demoledores: Hai 10.000 cotizantes menos que en maio do 2010, a taxa de actividade máis baixa do Estado, o 23,42% de paro, a metade da xuventude sen ter traballo e, dos que traballan, o 90% en precario e con salarios dos oitenta.

O emprego estable e con dereitos no é solo un propósito moral ou un horizonte de xustiza social, é tamén unha condición necesaria para a recuperación e para a calidade da propia democracia. Hai que reverter a reforma laboral e impulsar un novo modelo produtivo que potencie o papel da industria, tan necesaria en Ourense. Hai que mellorar a protección social cunha prestación de ingresos mínimos para os que peor o están pasando. Hai que facer unha reforma fiscal equitativa e progresiva e combater o fraude fiscal, para financiar con suficiencia a protección social e servizos públicos de calidade. Hai que atallar en definitiva a primeira causa da desigualdade: o paro e a precariedade. Hai 125 anos que a UGT celebra esta data. Naquela primeira manifestación parecían utópicas aspiracións que hoxe son realidades, como a xornada laboral de oito horas. O obxectivo central daquel manifesto segue a ter validez hoxe, o reparto equitativo da riqueza.