«En Seixalbo os veciños gañámoslle a batalla ao urbanismo salvaxe»

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Juan Antonio Cid Boo asegura que o casco histórico sorprende aos peregrinos da Vía da Prata e lembra a loita por incluilo no plan especial de rehabilitación

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«En Seixalbo somos uns patriotas desmesurados». Con esta declaración de intencións deixa sobre a mesa a paixón que sente Juan Antonio Cid Boo polo espazo elixido da cidade de Ourense. El é un dos cerca de 1.700 veciños que habitan o núcleo rural que debería servir de espello. O seu casco histórico, no que o Concello aceptou tras a presión veciñal decretar un plan especial de protección, é o seu tesouro mellor gardado. Ás actuacións na rúa súmanse as pequenas aportacións dos veciños. So un dato, das 262 vivendas que existen no casco vello rehabilitáronse total ou parcialmente, e respectando escrupulosamente as esixentes directrices urbanísticas, máis de 160.

Ese bum de Seixalbo é relativamente recente. Juan Antonio Cid estivo ao fronte da asociación veciñal desde o ano 2007 e explica como foi o xerme que acabou por converter esta parroquia nun referente: «O momento de maior loita foi o de lograr introducir o noso casco no PERI. O Concello non o quería no plan de urbanismo do 2003, pero ao final tivo que tragalo. Foi difícil, incluso concienciar aos veciños que, sen embargo, agora séntense orgullosos da rehabilitación e do lugar no que viven». Non so eles, xa que Seixalbo está a gañar poboación nos últimos anos a costa da cidade.

Pero desde o movemento veciñal non so se preocuparon do casco histórico, senón tamén de crear os mecanismos necesarios para frear a expansión da cidade cara o seu pobo: «Seixalbo leva andado de maneira positiva nesta dirección e podemos dicir que os veciños gañámoslle a batalla ao urbanismo salvaxe. As intencións dos promotores era acercar os edificios e nós o paramos».

A urbanística non foi a única loita que se mantivo nesta parroquia ourensá. O exdirixente veciñal leva a conta das infraestruturas que cruzaron Seixalbo e deixaron a súa marca: «Son doce. Entre liñas férreas, circunvalacións... Estamos nun lugar moi castigado polas infraestruturas». E as que virán, se temen. A máis próxima é a da liña de alta velocidade que, matiza, «erosionara Seixalbo». Tampouco se esquece dunha das súas últimas reivindicacións: converter a OU-105 nunha vía humanizada e que deixe de ser un punto negro para os peóns, con varios atropelos rexistrados nos últimos años. Trátase, asegura Juan Antonio Cid, da principal vía de conexión que teñen os veciños coa cidade, porque como recorda «gústanos resgardar a esencia do rural pese a que somos urbanos».

Outro motivo de orgullo en Seixalbo é a súa pertenza á Vía da Prata, que continúa ruta rumbo a Santiago, previo paso por este núcleo rural. «No verán hai moito ambiente. Nótase o paso dos peregrinos que se quedan moi sorprendidos co noso casco histórico». E aínda que xa deixou paso ao fronte do movemento veciñal, Juan Antonio Cid non se esquece de reivindicar: «Necesitamos aparcamentos en tres zonas do casco para poder quitar os coches das rúas históricas». Levao no seu ADN.