Imagen:

«A informática nunca substituirá ao persoal clínico»

O profesor universitario considera que a intelixencia artificial é un aliado imprescindible do sistema sanitario


Os asistentes á charla que esta tarde organiza no colexio médico a Academia Médico Cirúrxica teñen sobre a mesa unha pregunta incómoda. O título da conferencia que impartirá Florentino Fernández Riverola, profesor titular do departamento de Informática da Universidade de Vigo no campus de Ourense e responsable do grupo de investigación Sistemas Informáticos de Nueva Generación (SING), inclúe unha provocación: «Aplicacións prácticas da intelixencia no ámbito sanitario. ¿Acabaremos substituíndo ao clínico?».

-¡Vaia pregunta para un auditorio médico!

-Ese título é por provocar á xente, para que asista, pero a resposta está claro que é non, nunca imos acabar por substituír ao persoal sanitario, pero si hai que ser consciente que, tanto a informática como a intelixencia artificial son un aliado imprescindible no noso sistema sanitario e permiten avances en 3 grandes campos: o tratamento de grandes volumes de datos, e aí estamos falando fundamentalmente da historia clínica electrónica; o tratamento de datos de tipo ómico (proteómico, xenómico), nos que a intelixencia artificial pode axudar a xerar novos coñecementos, moi en relación coa evolución da medicina personalizada, e, en terceiro lugar, conseguir unha maior eficiencia na asistencia aproveitando mellor os recursos dispoñibles.

-¿Son conscientes disto os profesionais da sanidade?

-Para sacar partido de todo isto a verdade é que é fundamental crear equipos de traballo multidisciplinares, iso é o primeiro. Por outro lado, fai falta proactividade na xente, xente disposta a buscar novos problemas e retos para solucionar. ¿Por que algo que non está feito agora non se pode facer? Non é só mellorar o existente, senón xerar novos servizos. Ademais, hai que ter presente que todo o mundo ten algo valioso que aportar; moita xente non é consciente do valor do seu traballo.

-¿Cal é o nexo máis claro entre informática e sanidade?

-A informática médica, que engloba cinco grandes áreas. Na informática clínica, por exemplo, englóbanse os sistemas de soporte á decisión clínica. Os clínicos poden usar na súa consulta estes sistemas, que lles axudarán, no día a día, ante os distintos casos que entran pola porta.

-¿Por exemplo?

-O programa INnoCBR, un sistema de control das enfermidades que se producen nos hospitais e que a semana pasada foi proposto en Madrid como exemplo; naceu nun proxecto de investigación entre a entón fundación Cabaleiro Goás e a Universidade de Vigo. É un proxecto que se está aplicando no CHUO e para o que estamos tratando de buscar financiamento, medios e a conciencia necesaria nas nosas autoridades para que se estenda. Hai interese por parte doutras comunidades autónomas e outros hospitais do Sergas. Este sistema é un caso típico dun sistema de soporte e decisión clínica.

-¿Desenvolveron algún outro?

-O sistema geneCBR desenvolveuse para o Complexo Hospitalario Universitario de Salamanca; é de razoamento baseado en casos, permite o diagnóstico de distintos tipos de cancro empregando información de microarrays de ADN; permítelle ao oncólogo tomar decisións no tipo de cancro que ten un paciente baseándose en datos de tipo xenómico doutros casos, compárase o ADN do paciente co doutros pacientes que xa foron clasificados. Esta ferramenta permite saber que outros pacientes son máis similares co seu caso, pero a nivel xenómico, cunha lupa de moita precisión.

-Parece un traballo para estar satisfeitos.

-Hai que dicir que non todos son casos de éxito nin sempre existe recompensa; eu falo de ferramentas que foron desenvolvidas nun período longo, nos últimos 10 anos. Ademais, habitualmente, o persoal sanitario non se fía moito cando comezamos unha colaboración, o cal é normal porque eles xogan con vidas humanas e nós, con números, así que, cando un clínico deixa de preguntar cousas de como funciona o que facemos e pregunta como imprimir, entón é que xa está rematado o programa.

403 Forbidden

Forbidden

You don't have permission to access /votacion/pixel_votos_responsive.php on this server.


Apache/2.2.22 (Debian) Server at www.lavozdegalicia.es Port 80
Etiquetas
Ourense ciudad Vigo ciudad CHUO Universidade de Vigo ADN Sergas