Rexeneración

Juan M. Casares MEDIDA DAS COUSAS

OURENSE CIUDAD

25 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En bioloxía defínese a dexeneración como a perda ou alteración das funcións vitais dunha célula, tecido, órgano ou aparato ben por causas fisiolóxicas, o normal avellentado, ben por razóns patolóxicas, o abuso ou uso non debido. Sexa como for a dexeneración tradúcese nunha alteración da estrutura orixinal do elemento afectado, nun empeoramento ou perda progresiva das súas calidades e mesmo no deterioro das facultades que desenvolve. É dicir que ese órgano dexenerado deixa de cumprir co papel que a natureza lle tiña asignado. E isto, que se explica nos tratados de ciencias médicas ou veterinarias para os animais racionais ou non, pode ser perfectamente aplicable ás sociedades que coma organismos vivos que son non están ceibes de sufrir enfermidades que provoquen a súa dexeneración, por exemplo política, de xeito que constitúa a principal causa do proceso de claro empeoramento do seu estado orixinal. E digo eu que neste caso, cando unha sociedade coma a ourensá vive durante case oito anos festas con gin tonic, desgobernanza, divisións cruentas entre socios, operacións con nome de bonecos ata ese intre reservados aos cativos, pelexas de curral por un poder outorgado para un tempo concreto, agresións continuas á intelixencia dos veciños ou ás tradicións establecidas, o que cómpre é un programa de recuperación. Mellor dito de rexeneración, que faga a ese organismo vivo, a esa sociedade, revivir súas partes perdidas ou danadas e recuperar todas as calidades que perdeu polo camiño. E catro son os alicerces principais nos que se fundamenta esta rexeneración na nosa Auria: económica, política, ética e social. Ou non?