A escolla

Juan M. Casares MEDIDAS DAS COUSAS

OURENSE CIUDAD

10 feb 2015 . Actualizado a las 22:10 h.

Omestre Otero, o gran narrador de Galicia, o retratista do Ribeiro en cadros de pazos fidalgos, mosteiros, vendimas e adegas, dicía que a nosa terra é un pobo en constante camiño; un camiño, apuntou logo don Manuel Fraga, salpicado de encrucilladas que representan, coma dixen noutra ocasión, a metáfora das preguntas a facer, as decisións a tomar e os retos a superar.

Refírome á pregunta de cal será o vieiro correcto na escolla que facemos, aos argumentos que nos empurran a decidirmos por seguir un sendeiro no canto de coller o outro e, finalmente, ao reto de atinar co obxectivo que tiñamos debuxado, é dicir coa meta sinalada dende un principio.

A dereita ourensá vén de enfrontarse a unha das encrucilladas máis complicadas da última década e, felizmente, tomou unha das decisións, penso eu, máis atinadas dese período. Non é de agora, nin de onte, nin tan sequera de hai un ano, a admiración que sinto polo meu compañeiro Xesús Vázquez; chega con pescudar na hemeroteca deste xornal, esa sorte de polígrafo que rexistra a acción inquisidora do tempo e o escrito. E manifesto, unha vez máis, que obxectivamente falando a súa valixa vén cargada de bonhomía persoal, honradez política e eficiencia xestora algo, por certo, que hai oito anos que falla no goberno local de Ourense.

Con Xesús os ourensáns recuperaremos as esencias conservadoras da nosa cidade, tradición e modernidade collidas da man; teremos un alcalde e non unha sombra de dúbida, contaremos cun xestor e non cun sheriff e, de seguro, veremos traballar a un equipo e non presenciaremos unha pelexa fratricida no ring semanal do salón de plenos.