«O que se buscará nos congresos provinciais é a máxima unidade»

La Voz

OURENSE CIUDAD

22 ene 2013 . Actualizado a las 10:42 h.

Segue no comité executivo do PPdeG pero con moitas menos responsabilidades. Antonio Rodríguez Miranda (Allariz, 1967) deixou esta fin de semana de ser voceiro do partido para centrarse na Secretaría Xeral de Emigración, que asumiu hai só uns días.

-¿Dálle pena deixar de ser voceiro ou anda demasiado ocupado na súa nova tarefa?

-Está claro que foi unha etapa importante para min, pero era incompatible coa secretaría de Emigración. No momento en que o presidente me ofrece a posibilidade de incorporarme como parte do goberno xa era razoable que non podía continuar na portavocía. Non se pode estar na misa e repicando.

-¿Non sente como un castigo ese cambio?

-Ó contrario. O ofrecemento que no seu momento me fixo o presidente para min é unha oportunidade para entrar no ámbito executivo e, ademais, dentro dunha secretaría que ten moito contido político como é a de Emigración. Ademais, é unha secretaría que depende directamente do presidente. Cada un pode facer as interpretacións que queira, pero...

-¿Que opina da presenza de só 11 ourensáns na nova executiva?

-Neste modelo de partido que puxo en marcha Feijoo falamos dun conxunto. Polo tanto, aquí é imposible facer unha valoración de cotas territoriais. Aquí o que se busca en cada momento é á persoa axeitada para desenvolver cada papel. Ata agora todos os acontecementos demostran que ese é o criterio axeitado.

-¿Da pistas a integración de «baltaristas» na dirección rexional do que pode pasar no congreso provincial?

-É que, dito o anterior, ese tipo de plantexamentos non teñen cabida. Hai un congreso que rematou e o presidente colleu a cada persoa que lle pareceu máis axeitada para incluíla nos órganos de goberno de acordo coa previsión de traballo que ten para os próximos tres anos. A partir de aí, haberá congresos provinciais, tamén en Ourense, e xa se definirá no seu momento como é o seu desenvolvemento. O que si é certo é que o que se buscará en cada congreso é a máxima unidade en torno a un liderado forte.

-Entendo que o desexable é que haxa unha soa candidatura de consenso. ¿É así?

-O congreso, cando se leve a cabo, xa veremos como se vai desenvolver. O que temos que intentar é que se fale das ideas e dos problemas do país, que hoxe é o que máis importa. Se pode aportar renovación, como fixo neste congreso Feijoo, pero centrándose en falar das nosas propostas para mellorar o país.