Barbantia, exemplo de boas prácticas en xestión cultural

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Compartiu experiencias con entidades como o Festival de Cans

04 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A labor da Asociación Cultural Barbantia hai tempo que ven sendo recoñecida e admirada por todo tipo de personalidades. Nos preto de oito anos de funcionamento, xente tan vinculada á creación cultural galega como o finado Isaac Díaz Pardo, Víctor Freixanes, Méndez Ferrín, Torres Queiruga e un feixe de artistas de todos os ámbitos viñeron destacando publicamente as actividades deste colectivo, que non decaen nin a pesar da lousa que o paso do tempo acostuma a poñer encima de case todo, pero máis aínda dos proxectos culturais. E precisamente foron os profesionais galegos neste eido os que acaban de recoñecer a Barbantia como modelo de boas prácticas en xestión cultural.

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) celebrou hai uns días unha xornada formativa, baixo o epígrafe Galiza: xestión de contrastes, á que invitou a aquelas iniciativas que se están a desenvolver na comunidade autónoma e son exemplares.

Nove invitados

Ademais de Barbantia, compareceron na xornada representantes do Auditorio de Galicia, da plataforma Sinsal, dos festivais de cine de Ourense e de Cans; do certame de poesía Concello de Carral; dos festivais de teatro de Carballo e Manicómicos da Coruña, e da plataforma cultural Sonda Norte.

Por parte de Barbantia, interveu o seu coordinador, Pastor Rodríguez, quen enumerou as actividades que desenvolve a entidade ao longo de todo o ano. Entre outras, destacou a publicación do Anuario de Estudos do Barbanza, a concesión dos premios Sereo, a edición de publicacións corais a cargo de creadores de todos os eidos da cultura e as presentacións mensuais de libros de autores barbanceses como outros foráneos cuxas edicións teñen interese tanto para os socios de Barbantia como para o público en xeral.

Mereceu unha explicación máis detallada a publicación do suplemento cultural Barbantia, que está consolidado como unha plataforma na que tanto interveñen colaboradores consagrados como outros novos, e, entre todos, fan destas catro follas que forman parte da edición de La Voz de Galicia en Barbanza, unha fiestra na que todas aquelas persoas interesadas poidan amosar a súa tarefa creadora ao público en xeral.

Segundo parece, a Asociación Galega de Xestores Culturais valorou moi positivamente «non só o labor da asociación Barbantia e o seu modelo de xestión, senón que destacou especialmente a súa colaboración con La Voz de Galicia como ferramenta destacada na promoción e difusión da cultura entre toda a poboación do Barbanza», informou un integrante do colectivo promotor das xornadas profesionais.