«A Catedral vive das esmolas»

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

O deán espera afrontar obras urxentes no primeiro templo ourensán

31 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Serafín Marqués Gil (Outeiro de Paizás, Ramirás, 1930), pasa na Catedral máis horas do día despois do seu fogar. «Veño sobre as nove da mañá e pola tarde, cando teño obrigas especiais, estou desde as seis ás oito e media», di. Aparte de celebrar a misa das 11 no Santo Cristo, dedícase á confesión, a solucionar distintas xestións coas institucións e actividades varias. Pola tarde, cando lle toca, misa en Santa María Nai e remata na catedral coa das oito. Marqués é crego desde 1953, na Pontificia de Salamanca. Licenciouse en Teoloxía no 54 e volveu como profesor no Seminario Menor uns tres anos.

Marchou a estudar Filosofía e Letras, en Salamanca e Madrid. Home de chapeu e capa nunca tivo ao seu cargo unha parroquia. Do Menor chegou a reitor ata que opositou á Catedral. «Sacábase por sorteo un tema dun amplo programa de teoloxía, daban 24 horas para preparalo e despois, expoñelo. E se era a unha canonxía de oficio escoitábate todo o Cabido, se non é de oficio, como no caso meu, escoitoume un tribunal de cinco persoas nomeadas polo bispo», sinala este escritor, poeta e dramaturgo que a punto está de sacar novo libro.

Desde 1968 é cóengo catedralicio e leva como deán seis anos e medio. Non agocha o seu namoramento pola Catedral e dáo todo por ela. Aí están os 15.000 euros que graciosamente doou para o cadro de Manuel Vidal na capela do Santo Cristo. E foi o promotor da Asociación de Amigos da Catedral de Ourense. «Foi idea miña, consulteina, creeina e estou moi contento por como funciona».

Deficiencias

Para o deán, a basílica ten fermosura e deficiencias: «Quixera afrontar a recuperación das pinturas do Pórtico do Paraíso, ilusionaríame ampliar o museo, recuperar a capela de San Xoán e arranxar a sancristía, afectada pola humidade.

E conviría amosar o subsolo da capela maior para ver os sepulcros inda que o deán di que non o verán os seus ollos. E faille falta ao retablo maior eliminar o polvo que contén de cando o cambio de pavimento.

Sobre o gamberrismo di Marqués que é mágoa ter pechadas as portas e restrinxir visitas: «Non é fácil que hoxe ninguén poda roubar nada importante». Os ourensáns, indica o deán, coñecen fisicamente a Catedral mais advirte: «Valorala, penso que non, sobre todo querela». E iso é o que lles pediu aos Amigos da Catedral, xente que ame o monumento. «Sentimento afectivo pola Catedral non abonda. E eu quero facilitar que o templo sirva para eventos culturais que encaixan nel como os concertos cun sentido clásico ou popular e sobor de todo relixioso, coa contrapartida de que nos dean unha axuda». A Catedral vive das limosnas exclusivamente, da pequena limosna de calderilla e papel pouco a pesares de donativos especiais. «Nós non somos parroquia, non temos parroquianos, só devotos. E estes veñen cando veñen e deso vivimos».

Gastos

O santo que máis recada é San Antonio: «Recada moitos cartos para os probes. E as colectas especiais tampouco quedan aquí. De luz pagábase hai uns anos 6.000 euros anuais, agora máis. Hai pouco gasto de teléfono e auga e hai que manter a tres traballadores» sinala Marqués Gil, para quen as pedras amónsanlle a riqueza da historia e «a fe que nos deixaron os nosos antergos neste lugar ». Moita sabiduría teolóxica agochada nun gran edificio que o propio Serafín Marqués, e tantos outros, recoñecen que non poden abranguer.

Serafín Marqués Gil

Crego deán da Catedral de Ourense