Man, home sen paz

Miguel Anxo Fernández

OURENSE CIUDAD

08 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O alemán de Camelle era un dos alcumes polos que se conocía a Manfred Gnädinger, aquel home misterioso que nas vísperas das festas patronais de 1962 se achegou á vila como caído do ceo, para morrer de pena nos Santos Inocentes de 2002, ó pouco de que o chapapote do Prestixe lle estragara o singular museo natural que arrodeaba a casa que os veciños lle construíran moitos anos antes. Tiña 62 anos. Non será a primeira nin a última vez que Man aparece en imaxes pero o documental Man, home sen paz que hoxe se presenta no festival de Ourense, é o retrato máis singular proposto ata agora, centrado en particular na súa faceta de artista, que o director Simón Vázquez e o guionista David Formoso «consideran o introdutor en Galicia da revolución estética de finais dos 50 a principios dos 60 que deu lugar a movementos como Land Art, Arte Povera e Environment Art, nos que bebía a súa inspiración». Aquel home que optou por vagar espido e cun taparrabos, nadador compulsivo e de trato complicado, deixou como legado un peculiar museo que agora tentan recuperar en Camariñas. O documental súmase á reivindicación da súa memoria pero faino non desde unha perspectiva biográfica máis alá dalgunhas fotografías de arquivo, senón desde a súa faceta máis interesante, a de artista, intercalando sobre a pantalla algúns dous seus aforismos que denotaban alma de poeta e home culto, máis do que seguramente os propios veciños de Camelle supuñan. Se na realización se combinan gravacións de arquivo (en particular, os planos de Man chorando a desfeita do Prestixe), xunto a testemuñas de especialistas en Arte e Arquitectura, ademais de viciños e xentes que os trataron con amizade, o guión de Formoso cóidase moito de derivar pola haxiografía. Man, home atormentado, tiña aristas que tamén relucen no guión de Formoso xustamente para redimir finalmente ó personaxe. A súa obsesión polas figuras redondeadas, polas pedras, a reciclaxe de materiais, a súa poesía, era unha maneira de interpretar o medio mentres os viciños se debatían entre admiralo e rexeitalo, querelo e odialo. Chama a atención a radiografía intelixente do personaxe, para rematar constatando que a súa ausencia deixou un valeiro en Camelle e pode que na arte galega. Se ben é certo que no xénero documental, o audiovisual galego está a acadar unhas alturas nunca imaxinables, neste caso o salto de Vázquez e Formoso xa se evidencia considerable.