A promoción do folclore tamén é cousa de meigas

R. N.

OURENSE CIUDAD

03 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

ourense | Xa se sabe que meigas, habelas hainas. E na comarca cultural que un día formaron Amoeiro, Vilamarín e Cea, por partida dobre. Durante case unha década colaboraron os tres concellos limítrofes na organización do festival de folclore «Á danza e ó son das meigas». Trala cita cultural estaba a asociación cultural Charamela. Diferenzas entre os compoñentes de Vilamarín, por unha banda, e Amoeiro e Cea, pola outra, fixeron que no 2005 cada un fora polo seu lado. E agora, dous anos despois, o enfrontamento de entón tradúcese nunha duplicidade de festivais que pode provocar despistes entre os afeccionados por iso da proximidade das citas -no tempo e no espazo- e polo parecido dos nomes. Vilamarín mantivo o primeiro ano que foi por libre a denominación de sempre. Decidiu cambiala cando desde Amoeiro e Cea se lle comunicou que a marca estaba rexistrada. Así, este ano elixiron «O ruxir e o rebulir das meigas». A semellanza é inevitable e provoca confusión entre quen consulta a axenda festiva da fin de semana e mesmo entre aqueles que estes días pasan pola carretera de Santiago e ven os mesmos carteis anunciadores con distintos nomes. Porque en Vilamarín, aínda que cambiaron o nome, seguen mantendo o logotipo. De feito conservan unha das dúas pancartas coas que anunciaban o festival en tempos, cando era unha cita a tres bandas. No que sen falar se puxeron dacordo foi nas datas. As actuacións non se solaparán e permitirán elixir a aqueles que queira pasar tres noites consecutivas de folclore, a partir de mañá.

Rosana Bernárdez e Óscar Fernández, que representan a Cea e Amoeiro na asociación Charamela, aseguran que a división está superada e pensan só na consolidación da cita, que alcanza a edición número doce. Pero a confusión é tal que no folleto de «Á danza e ó son das meigas» figura o nome dunha das agrupacións que, segundo o programa, participará en «O ruxir e o rebulir das meigas». ¿Será cousa de bruxas?