Un himno para unha festa

La Voz OURENSE

O CARBALLIÑO

MIGUEL VILLAR

O Carballiño estreou «Pulpeiriña do Arenteiro», de Felipe Senén Lopez e Foxo

18 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Festa do Polbo do Carballiño é unha das citas gastronómicas por excelencia de Galicia. A celebración que se desenvolve no parque municipal cada segundo domingo de agosto mantén vivo o legado dun dos sinais de identidade da vila: a tradición dos polbeiros de Arcos e a historia dun oficio que naceu vencellado aos pagos que os mariñeiros da zona de Marín facían aos monxes de Oseira -o mosteiro tiña couto naquelas terras e dende alí chegaban os foros e os produtos do mar-.

Ás moitas iniciativas que cada ano se celebran vencelladas a esta cita, nesta nova edición engadirase unha proposta que entrará a formar parte da festa: a cantiga Pulpeiriña do Arenteiro, peza que dende o Concello do Carballiño definen como o himno da Festa do Polbo. A obra foi creada polo historiador e investigador carballiñés Felipe Senén López Gómez e por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e da Escola Provincial de Gaitas.

A peza foi presentada onte nun acto que se desenvolveu na praza Maior do Carballiño e no que actuou un cuarteto da Real Banda de Gaitas -cos gaiteiros Daniel Castiñeiras, Paula Labrador e Marco Foxo- e o Orfeón do Carballiño. Logo da presentación do proxecto a cargo de Francisco Fumega, alcalde do Carballiño, e Xosé Lois Foxo, autor da música, gaiteiros e Orfeón carballiñés interpretaron Pulpeiriña do Arenteiro.

Cedé e fotos antigas

Ademais de contar con himno propio, a Festa do Polbo 2017 chegará con máis novidades, xa que se está a rematar a edición dun cedé que servirá para dar a coñecer esta cantiga e para promocionar a propia festa. Incluirá o cedé dous libros con fotos antigas de polbeiras e da propia festa, así como un artigo de Felipe Senén López sobre Músicas e cantares en O Carballiño.