Dignidad e atención aos maiores

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

O CARBALLIÑO

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os retallos levados a cabo polos gobernos da dereita incidiron tamén no coidado e atención aos nosos maiores, que sofren o deterioro dos servizos de atención á terceira idade, retrasos nas axudas a dependencia, a suba dos prezos dos medicamentos, a escaseza de prazas públicas en residencias e centros de día mentres se desvían peticións a centros concertados, e agora a incertidume do futuro das pensións. Este ámbito é mostra tamén das disfuncións territoriais e da marxinación que sofre Ourense, precisamente na provincia máis envellecida de España, onde o número de persoas maiores de 64 anos triplica á dos menores de 16. A residencia de maiores do Cornuval, no Carballiño, é un exemplo desta política de desmantelamento do público posta en marcha pola dereita. Unhas instalacións que tras facer unha inversión pública de case 7 millóns de euros, sufriron un retraso na súa apertura de case cinco anos desde a finalización das obras. A pesares das mobilizacións protagonizadas daquela por unha plataforma cidadá, para garantir a igualdade e calidade na prestación das políticas sociais, a Xunta adxudicaba no ano 2014 a xestión desta residencia de maiores a unha empresa privada. Tras dous anos de funcionamento, as instalacións están infrautilizadas, hai 25 prazas cubertas das 84 para as que foi creada, contribuíndo este feito non soamente á incrementar a lista de espera nunha comarca especialmente envellecida, senón tamén a que o equipamento deste centro corra o risco de deteriorarse polo desuso, e a perder a oportunidade de xerar emprego.

Os nosos maiores merecen dignidade, cariño, compañía, valor e atención. Por iso, cando as pernas empezan a floxear e a memoria comeza a fallar, o que necesitan é o mesmo agarimo e a mesma comprensión que sempre nos amosaron. As institucións teñen a obriga de prestar atención a unha soidade que precisa atención específica, para devolver a dedicación, esforzo e tempo que nos brindaron durante a nosa vida, aínda que sintamos que sempre estaremos en débeda con eles.