A vila carballiñesa nun documental e cinco anuncios

La Voz

O CARBALLIÑO

CEDIDA

O obradoiro audiovisual de Xociviga incidiu en aspectos como o termalismo ou o polbo

29 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xociviga 2016 incorporaron como unha das súas propostas novidosas desta edición a realización dun obradoiro audiovisual. Xocifilma, que así se chama a experiencia, diu a coñecer onte os traballos desenvolvidos e os centros de intereses e os contidos sobre os que se estivo a traballar nestes días. Segundo anunciou onte o coordinador desta experiencia, Miguel Grandío, logo de varios días de traballo o equipo está xa acometendo a montaxe dun documental e cinco anuncios sobre diversos aspectos da vila do Carballiño. Os materiais serán proxectados nas Xociviga.

En Xocifilma participaron alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, da Universidade de Vigo, entidade que neste ano participa como colaboradora das Xornadas. Segundo sinalou Grandío, a experiencia foi moi gratificante e sorprendeulle ao equipo o descubrir «un auténtico potencial de vivencias dos carballiñeses sobre diversos aspectos da súa vila», en palabras do coordinador da experiencia. A tradición balnearia da vila, a ligazón do Carballiño e a parroquia de Arcos co polbo ou o dinamismo que amosa o pobo en materia de cultura foron aspectos destacados polos participantes de Xocifilma.

O documental que se proxectará nas Xociviga levará por título O Carballiño na memoria e os anuncios Ese algo, Malentendido, Arredor dunha tapiña, O importante é o camiño e De perdidos ao río.

Dende a organización das Xociviga valorouse como «todo un éxito» a experiencia e xa se anunciou que se potenciará en vindeiras edicións.