Xociviga adica unha mostra ao xornalista de cine Aurelio Pego

La Voz

O CARBALLIÑO

O programa das Xornadas inclúe a proxección de trinta e sete filmes e una exposición de fotografías antigas

20 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xociviga 2016 incluirán entre as súas actividades a proxección de trinta e sete filmes, o pase da película histórica Miss Ledyia -a primeira obra de ficción do audiovisual galego- e exposicións adicadas ao xornalista cinematográfico Aurelio Pego e ás imaxes antigas do Carballiño recollidas pola Asociación Fotográfica O Potiños, entre outras propostas. A programación das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia para este ano foi presentada onte polo concelleiro de Cultura da vila, Diego Fernández.

Segundo sinalou edil socialista, as Xociviga «abrirán cun pasarúas da man da Agrupación Musical da Limia, que interpretará bandas sonoras icónicas e, posteriormente, ás once da noite na Praza Maior, proxectarase a película muda Miss Ledyia, dirixida por Xosé Gil en 1916, acompañada pola interpretación da banda da Limia». O responsábel de Cultura do Concello carballiñés agradeceu a colaboración do «Cineclube Carballiño e de personalidades ligadas ás primeiras edicións das Xornadas, tales como Pepín Prada ou Miguel Anxo Fernández, para facer realidade o programa deste ano».

As mostra Aurelio Pego. Un xornalista cinematográfico galego en Nova York. Antoloxía gráfica abrirase ao público nas xornadas, o 26 de xullo, pero segundo o cadro de actividades presentado polo concelleiro permanecerá aberta ao público durante varias semanas -ata o vindeiro 31 de agosto-. A outra exposición que se poderá ver nas Xociviga 2016, que se celebrarán do 25 ao 30 de xullo, é a proposta Xentes do Carballiño 1890-1990, proxecto desenvolvido pola Asociación Fotográfica O Potiños. As mostras estarán expostas ao público no Auditorio e na Casa da Cultura do Carballiño.

Concurso de curtas

Diego Fernández lembrou que se acordou conceder os premios deste ano a Mariana Carballal e Eduardo Galán Blanco e que os mesmos serán entregados ao longo das Xociviga e que o certame audiovisual do Carballiño incorpora este ano «inciativas como o concurso audiovisual que leva por título Curtas Prima».

En relación ao taller audiovisual que se está a desenvolver na vila, o concelleiro de Cultura incidiu no feito de que os traballos dos alumnos da facultade de Pontevedra centraranse no termalismo e no polbo.