O carballiñés traballaba na actualidade na ópera titulada «Rosaliana»
28 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Hiperactivo e sempre con varios proxectos e frontes nos que traballar, a Ismael González a morte chegoulle nunhas circunstancias sinaladas: no Día de Galicia e mergullado nunha iniciativa vencellada coa súa terra, a ópera Rosaliana. O sábado pola mañá ergueuse na súa casa de Móstoles e foise á mesa de traballo; un golpe alertou á familia e «morreu dun infarto», segundo lembraba onte o seu amigo e compañeiro de moitos proxectos ao longo de catro décadas Emilio Carlos García Fernández, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade Complutense.
Ismael González Díaz (O Barón, O Carballiño, 1939 - Móstoles, 2015) fixo do audiovisual a súa razón de ser. Exemplo de home feito a si mesmo, emigrou de neno a Arxentina e pasou logo por Venezuela e Estados Unidos. Aos 15 anos entra na Compañía Salvador Carcel, importante distribuidora cinematográfica para América Latina, e a partir de aí empeza a traballar no sector audiovisual e participa en programas de radio e televisión en Venezuela. Aos 23 anos volta a España e funda Cocinex, con M. Polo Sáez de Buruaga, empresa que chegaría a ser unha importante exportadora de cine español.
O director, distribuidor e produtor carballiñés foi autor de un gran número de traballos como documentalista e realizador. Na época dos cineclubes e das salas de Arte e Ensaio xogou un importante papel introducindo nos circuitos títulos de gran impacto na crítica e no público -entre outros El imperio de los sentidos (Nagisa Oshima, 1976)-. Nos anos da transición, nos primeiros 80, foi un dos directores que se significou no cine da época do destape. Daquela asinaba as súas películas con se as pseudónimo, sendo un deles Félix Varón, en referencia ao seu lugar de orixe: a parroquia carballiñesa de San Fiz do Barón. Nos últimos anos estaba máis vencellado á escritura e desenvolvía unha importante tarefa social a través dunha páxina web e de movementos veciñais en Móstoles.