«As eleccións gáñanse no día a día, no contacto diario cos veciños»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

MIGUEL VILLAR

Fumega cre urxente incidir na promoción turística e do comercio da vila

27 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Fumega Piñeiro (O Carballiño, 1961) asumiu no 2011 a responsabilidade de encabezar a lista dun PSOE en horas baixas. Gobernando dende 1995 e co último mandato de Carlos Montes en minoría, o desgaste era máis que evidente. A pesares da perda de votos os socialistas poderían manter a alcaldía, máis a debacle do BNG diulle a maioría a Marnotes. Desta volta cambiaron as tornas: o PSOE gaña un concelleiro e non chega á maioría, máis o PP cae aos seis -tres menos dos que tiña- e pasará á oposición.

-Vostede basa o resultado no traballo destes catro anos.

-As eleccións gáñanse no día a día, no contacto diario cos veciños. As campañas non inflúen.

-¿Gobernará en minoría ou pactará con BNG ou Alternativa?

-A miña intención é falar con todo o mundo para tentar lograr o maior consenso posible.

-¿Repetirase o acordo PSOE-BNG de 1995 que os levou ao goberno?

-É un escenario posible, como un acordo entre os tres -PSOE, BNG e Alternativa- ou gobernar en minoría se non chegamos a un entendemento. Está todo aberto e é cedo para dicilo. Falaremos nos próximos días.

-¿Cales serán as súas prioridades de cara ao mandato?

-O urxente é recuperar a enerxía e a vitalidade que sempre tivo O Carballiño e que se perdeu nestes anos. Hai que revitalizar o rural, que se abandonou, e incentivar a creación de emprego. Prioritario será dinamizar o polígono industrial e tentar captar empresas para reducir o paro. Sen esquencer a promoción turística e do sector comercial, que son vitais para nós.

-¿O termalismo seguirá sendo a eterna oportunidade perdida?

-É unha situación complexa e difícil. Os balnearios son de empresas e o que temos é toda a intención do mundo de establecer pontes con eles para tentar colaborar e contribuir á revitalización deste sector que é moi importante para a nosa vila.

-¿A débeda condicionará o vindeiro mandato?

-Non debería. Era de 3,5 millóns cando Carlos Montes deixou a alcaldía é nestes anos baixou aos 3,1 millóns. Máis ou menos estamos no mesmo escenario.

-Vostede sempre denunciou o contrato do lixo. ¿Remunicipalizará o servizo?

-Pasamos dun custo de 350.000 euros a case o dobre, dende que se transferiu á Deputación. Obviamente houbo incremento da vida nestes anos, pero non nesa medida. A intención é renegociar o servizo para O Carballiño e se non hai acordo miraremos outras posibilidades.

-Transporte e infraestruturas tamén centraron as súas iniciativas ¿que fará dende a alcaldía?

-Temos que mellorar a conexión por estrada a Ourense. É prioritario e hai empresas do pobo interesadas, aínda que as concesións condicionan este aspecto. E falaremos con Adif para non perder liñas de ferrocarril.

-¿Conseguirá abrir a residencia todo o ano?

-Instaremos á Xunta a que amplíe a temporada da Residencia de Tempo Libre e a que a residencia de maiores funcione ao 100 %. E instalaremos un viveiro de empresas no centro comarcal.

francisco fumega próximo alcalde de o carballiño