Estacións pantasma

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

O BARCO DE VALDEORRAS

22 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Edificios que antes de seren desmantelados eran xoias arquitectónicas, vías inutilizadas, vagóns abandonados... un percorrido polas estacións de Ourense é o mellor espello no que podemos ver reflectida o desastre poboacional que sufrimos. Cando preguntamos aos que colocaron o cadeado a estes espazos o por que destas decisións, recorren a criterios economicistas baseados en que non era rendible manter servizos que empregaban poucas persoas, como se o pechalos e que non poida empregalos ninguén servira para fixar poboación ou simplemente para evitar que escapen do noso medio rural os poucos que aínda sobreviven alí, iso xa por non falar da repercusión na productividade e nas expectativas de xeración de emprego.

Unha vez clausuradas algunhas estacións, e as que non convertidas en apeadeiros, dende o Inorde, ese organismo da Deputación sobre o que aínda nos seguimos preguntando para que serve, tiveron a principios de século a brillante idea de empregar os cartos que viñan de Bruxelas para proxectos de dinamización económica para converter as estacións en museos, obras que nalgúns casos quedaron a medias e noutros rematáronse, pero que todos son a día de hoxe espazos baleiros de contido.

Cando xa pensabamos que nos quedaba pouco por ver no que a marxinación ferroviaria se refire, enterámonos de que Renfe e Adif decidiron que proximamente sete estacións galegas -polas que pasan cada ano 200.000 persoas das que case 60.000 mercan alí mesmo os seus billetes, catro delas na provincia de Ourense (O Carballiño, A Rúa, O Barco de Valdeorras e Ribadavia)- quedarán sen o servizo presencial de información e venda de billetes. Afirman dende as compañías que non hai motivos para a preocupación, que agora todo resultará máis cómodo porque os billetes poderanse mercar a través da páxina web. Todo parece unha broma de mal gusto nunha provincia onde o número de persoas maiores de 65 anos triplica aos de dezaseis, e na que hai zonas onde non é que non haxa internet de alta velocidade, é que non hai nin cobertura.