Canta o cuco

La Voz

O BARCO DE VALDEORRAS

Venres 20. Teatro Lauro Olmo. 20.00 horas

02 may 2016 . Actualizado a las 22:31 h.

Manuel María, o poeta da Terra Chá (homenaxeado no Día das Letras), é visto desde a ollada de dous experimentados creadores vinculados á música infantil, Uxía e Magín Blanco. É unha visión contemporánea dos versos de Manuel María para as nenas e os nenos do século XXI, con moitas posibilidades de acompañar o traballo con unidades didácticas onde a transversalidade incide directamente en varias materias: música, literatura, lingua, historia, coñecemento do medio, debuxo, etc. Unha globalidade de ritmos e estilos musicais para vestir os versos de Manuel María que abrangue desde a música tradicional propia ata os universos próximos do pop e o rock pasando polos aromas da canción de autor ou os aires latinoamericanos do tango e o son cubano.

Os poemas escollidos son unha escolma dos seus libros de poemas para nenos As rúas do vento ceibe e Os soños na gaiola así como tamén de Terra Chá e Os lonxes do solpor. A isto hai que engadir, ademais, unha creación propia de Magín e Uxía: Todo me fala de ti, canción na que dialogan co universo do poeta e a súa rica e complexa personalidade. Nos poemas recitados procúrase dar unha visión máis xeral dos temas que el vivía con paixón: o espazo vital, a terra, a lingua e a identidade.