Filgueira Valverde reclama protagonismo na provincia

O BARCO DE VALDEORRAS

A cidade, O Carballiño e O Barco acollerán actividades do programa da Consellería de Cultura

25 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda resoando os desencontros xerados pola elección de Xosé Filgueira Valverde como persoeiro ao que se lle adican este ano as Letras Galegas e co relevo no Goberno galego que provocou a designación de Román Rodríguez como conselleiro de Cultura, sustituindo a Vázquez Abad, a Xunta diu a coñecer o luns as propostas vencelladas á conmemoración das Letras 2015.

Como non podía ser doutro xeito, na Programación de actuacións 2015, anunciado por Cultura terá un especial protagonismo a cidade de Pontevedra. Filgueira Valverde foi alcalde da mesma e unha das institucións emblemáticas, o seu famoso museo, foi un dos seus proxectos senlleiros.

Nas propostas para a conmemoración un dos proxectos centrais será a exposición Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construcción de Galicia. A mostra poderase visitar no Museo de Pontevedra entre o 24 de abril e o 24 de maio, comezando a partires desa data o seu percorrido por toda a comunidade. Será precisamente na provincia onde rematará a itinerancia da exposición: O Barco de Valdeorras, O Carballiño e a Biblioteca Pública de Ourense, por esa orde, serán os últimos espazos nos que se poderán ver os materiais do proxecto.

Nas actividades paralelas xogará un papel destacado a rede de bibliotecas públicas. Na de Ourense haberá un amplo programa en maio que incluirá o concurso O galego máis bonito -todo o mes-, unha experiencia de préstamos sorpresa de libros -Cita coa lingua celebrarase entre o 11 e o 15-, os Contiños con Susana do día 12, as sesións do Clube de debate de todo o mes, un Chiciclub (día 14), a cita do Clube de Lectura do día 15 e a actividade Imos xogar con Xosé Filgueira (o 16).

As Letras Galegas 2015 tamén inclúen unha Xincana Escolar, entre abril e decembro, na que participarán O Carballiño e O Barco, e a dixitalización da correspondencia de Filgueira con persoeiros da cultura galega, entre eles aparecen os ourensáns Otero Pedrayo e Vicente Risco.